Neda celebra este domingo as vodas de prata da súa Festa do Pan. Unha cita que a Xunta declaraba recentemente de Interese Turístico de Galicia e que, cada ano, convoca a máis e máis público desexoso de saborear un pan sen comparación. E, tamén, de participar nunha festa que, grazas ao traballo que durante todo o ano realiza o Concello, suma novos atractivos e actividades. Como vén sendo habitual nos últimos anos, o escenario elixido é o Paseo Marítimo, un entorno privilexiado. E, a hora de inicio, as 10 horas. Será cando as panaderías comecen a venda de pan, empanadas ou repostería. Instalarán os seus postos Panadería La Nueva, Panadería O Carrizo; José Castro; Paca Castro Romero; Santa Rita; La Gallega e, como industria colaboradora, Roberto González.
En torno ás 13 horas, o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, inaugurará a cita formalmente e dará paso á lectura do pregón por parte do polifacético comunicador e showman Xacobo Pérez. Rexedor e concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, presidirán entón a entrega dos premios da II edición do Concurso de Pinchos «Mellor… con Pan de Neda«. E, todo, coa animación musical de grupos como “A culpa foi de Lolo” e “Vaidevaranda”.
E, xa ás 14 horas, dará comezo a tradicional comida popular. O menú, de doce euros, inclúe empanada, paella, churrasco, bola de Neda e café, así como bebidas e, como non, o tradicional pan da real vila.
Muiñeiros por un día
A Festa do Pan de Neda continuará tamén pola tarde coa mellor música, a de “Parranda La Nuestra” e “Ontheband”. Así mesmo, e durante toda a xornada, os asistentes poderán converterse en muiñeiros por un día. Será grazas ao photocall que instalará o Concello no entorno, e no que se recrea o interior dun muíño, convenientemente ambientado con fariña e útiles de traballo. Alí os asistentes poderán fotografiarse coa recreación como telón de fondo.
Outro dos reclamos desta cita será a concentración de vehículos históricos que organizará nesta xornada o Auto Club Clásicos Narón. Dende as 11,30 horas unha trintena de autos estarán estacionados no adro da Igrexa Parroquial de Santa María, punto dende o que partirán para facer un pequeno percorrido por diferentes lugares da real vila. O seu destino será a Festa do Pan, onde permanecerán en exposición durante todo o día.
E, para os máis pequenos, no recinto do Fernando Esquío, pola tarde, inchables e festa da espuma.
Neda, capital do trigo de Galicia
Con esta festa, Neda pon en valor o seu producto gastronómico por excelencia. Aquel que durante séculos convertiu á real vila en capital do trigo de Galicia. Ao respecto, cabe lembrar que a orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo, en torno ao río Belelle, ao seu paso pola localidade, onde forma o Salto da Fervenza. A calidade das súas augas dan como resultado un pan sen comparación e que incluso Felipe II, xa en 1558, elixe á vila para o asentamento das chamadas Casas Reais, fábricas de bizcoito e fornos de provisión con destino ás Armadas dos Reis de España. Unha calidade que nace das mellores augas do país para a elaboración de pan, tal e como posteriormente corroboraron estudos científicos. E unha calidade que se mantén ata os nosos días.