O grupo municipal do PSdG denuncia o abandono da oficina de rehabilitación por parte da Xunta, coa complicidade do alcalde

rehabilitacionO Grupo Municipal Socialista, a través da concelleira María López, critica o recorte nun 70% da partida destinada á Oficina de Rehabilitación de Ferrol, respecto a unha partida do 2011, xa recortada. Lembran que no 2011 a partida destinada para a oficina de Ferrol foi de 80.000 euros, e agora é de 25.000 euros.

Así, os e as socialistas definiron as actuacións constantes da administración autonómica en recortes sobre recortes, mentres o alcalde mira para outro lado, denuncian os socialistas. A este respecto, María López insta ao alcalde a que non sexa sumiso antes as medidas tan negativas para a cidade que está a tomar a administración galega.

Neste senso, o Grupo Socialista pídelle ao alcalde de Ferrol que esixa á Xunta de Galicia unha rectificación, habilitando os fondos necesarios para procurar a atención necesaria e un correcto funcionamento da oficina, dando resposta á demanda existente e non sexa cómplice das decisións que está a tomar a Xunta, que están á perxudicar á cidade.

Para os socialistas, o obxectivo para a Xunta e Concello debería ser potenciar a oficina, dotándoa de máis recursos e medios e, por tanto, posibilitando un maior número de actuacións, destacando a súa importancia, xa que permitiu xestionar a rehabilitación das vivendas e edificios en San Felipe, A Graña, A Madalena e Ferrol Vello, así coma as reformas mediante o programa Renove en tódolos barrios da cidade. Polo tanto, necesita un impulso maior, non un retroceso.

A concelleira socialista, María López, manifesta que non pode haber excusas para ralentizar as rehabilitacións dos conxuntos históricos, xa que debemos protexer o noso patrimonio arquitectónico. Lonxe de recortar, o que debe facer a administración pública é fomentar se convertan en polos de atracción da poboación, do turismo, e do comercio local das devanditas zonas, evitando que queden baleiras, e mellorando a calidade de vida dos ferroláns e ferrolás que viven no casco histórico da cidade. E neste senso, a Oficina de Rehabilitación actúa como órgano xestor das tramitacións e das axudas ás rehabilitacións.

 Que a Xunta non se escude nunha suposta limitación de funcións

Así mesmo, os e as socialistas piden que a administración autonómica non se escude nunha suposta limitación de funcións para rebaixar nesa cuantía a partida destinada ás devanditas oficinas, xa que seguirán prestando o servizo de asesoramento e información ás persoas interesadas sobre as actuacións nos ARIS (áreas de rehabilitación integrais), a tramitación dos expedientes e seguimento técnico das obras dos ARIS, así como tamén outras relacionadas coa vivenda.

Lembran ademais a demora por parte da Xunta do decreto que desenvolve o plan de vivenda 2013-2016. Un retraso que ten paralizado o plan de vivenda, que afecta directamente a Ferrol, polo que entenden que urxe o desenvolvemento do decreto que adapta o plan vivenda, para que Ferrol poida facer fronte a seguinte fase de rehabilitación. Estase a producir así un impas, debido ao retraso na súa posta en funcionamento, que provoca a parálise do programa Renove, entre outros programas. Sendo este un programa de rehabilitación que ten por obxecto melloras na accesibilidade, actuacións para garantir a seguridade e a mellora da eficiencia enerxética, e axudas para a rehabilitación de edificios e de vivendas.

Os e as socialistas pídenlle ao alcalde que non deixe perder os fondos para a rehabilitación, como sucedeu cando sendo o concelleiro de facenda Rey Varela a cidade perdeu 6 millóns de euros do Plan Cuíña, destinados á rehabilitación para o barrio de A Madalena, provocou unha parálise considerable na rehabilitación do noso casco histórico, na que se incluía o edificio do Ateneo Ferrolán, que tivo que ser rehabilitado polo goberno socialista no anterior mandato.

Así, María López conclúe que os feitos veñen unha vez máis a contradicir as palabras, xa que pasados 6 anos dende que Feijoo asinou o contrato coa cidade de Ferrol, prometendo o impulso da rehabilitación dos barrios de Ferrol Vello e A Madalena, o recorte dos recursos da oficina de rehabilitación de Ferrol vai xusto na dirección contraria.

 

 

 

 

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …