O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, e o decano da Facultade de Humanidades, Manuel Recuero, serán os encargados de inaugurar o mércores, 24 de abril, a XI edición das Xornadas Literarias de Neda. O acto principiará ás 19,30 horas no Salón de Actos do Vicerrectorado do Campus de Esteiro e a asistencia é libre e gratuíta. Organizadas polo Concello en colaboración coa coa Universidade da Coruña para conmemorar o Día Mundial do Libro, este ano están centradas na obra e figura do Premio Nobel de Literatura Thomas Mann. As intervencións de alcalde e decano darán paso á primeira conferencia das Xornadas que, baixo o título “Thomas Mann: la humanización de un mito I”, correrá a cargo da profesora, escritora e tradutora Anna Rossell.
Xoves e venres as xornadas trasladaranse á Casa das Palmeiras. E, en ámbolos dous casos, a hora de inicio será ás sete e media do serán. Así, o xoves terán un papel destacado os alumnos e alumnas do Clube de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío. Centrarán a súa participación na obra de Thomas Mann “Morte en Venecia”. O seu taller precederá a intervención de Anna Rossell, que continuará a profundizar na vida, traxectoria e obra do autor. De seguido, coloquio aberto á participación do público asistente e, pechando as xornadas, música. Concerto da artista Beatriz García e o seu tributo ao Cabaret dos anos 30. Iso si, con traslado de escenario, xa que o recital celebrarase na Casa da Cultura.
Así mesmo, o venres, a Asociación Galega de Xermanistas, representados en Silvia Aldrei e Alba Viñas, impartirán un curso básico de alemán, unha das actividades máis novidosas das xornadas. A tradutora e profesora da Facultade de Filoloxía da USC, Rosa Marta Gómez Pato, ofrecerá a conferencia “De viaxe con Thomas Mann”. E, de seguido, tomará o relevo José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura. A súa intervención leva por título “Anxos da morrte e demos: Thomas Mann e o cine” e, tras un turno para que o público asistente expoña a súa visión sobre os coloquios, procederáse á proxección do filme “Muerte en Venecia”, dirixido por Luccino Visconti.
Thomas Mann, escritor alemán nacionalizado estadounidense, está considerado como un dos escritores europeos máis importantes da súa xeración. É lembrado polo profundo análise crítico que desenvolveu en torno á alma europea e alemana na primeira metade do século XX. Para iso, tomou como referencias principais a Biblia e as ideas de Goethe, Freud, Nietzsche e Schopenhauer. Thomas Mann recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1929, principalmente pola súa gran novela «Los Buddenbrook”, que ten merecido un recoñecemento cada vez máis firme como unha das obras clásicas da literatura contemporánea.
As Xornadas Literarias están promovidas polo Concello de Neda coa colaboración da Facultade de Humanidades e o seu comité organizador está integrado pola concelleira de Educación e Cultura de Neda, Eva Olmo Hermida; o vicedecano de Humanidades da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós; a animadora sociocultural, Natividad Villaamil Abad, e o coordinador cultural de Neda, Manuel Pérez Grueiro. Nesta ocasión, tamén contan coa inestimable colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol (Departamento de Alemán), da Asociación Galega de Xermanistas, da Embaixada de Alemania en Madrid e do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío.
Por último, o Concello de Neda fai unha invitación moi especial á cidadanía para que participen deste programa cultural do máis alto nivel, achegándose de preto á figura e obra de Thomas Mann.