A edil responsable da área de Igualdade, María Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de iniciativas dirixidas á mocidade.
A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, anunciou o inicio dunha campaña local, financiada cos fondos do Pacto de Estado, para previr as violencias machistas entre a mocidade. O colectivo representa unha etapa clave para construír a identidade persoal, das relacións afectivas e dos sistemas de valores.
Todo isto, sumado a que son os anos nos que se consolidan actitudes e comportamentos que influirán na forma de entender as relación entre mulleres e homes na vida adulta, levou a deseñar esta campaña, que se iniciará nos vindeiros días. A iniciativa desenvolverase a través das redes sociais, ao tratarse dos novos espazos de socialización e transformación das relacións interpersoais.
O Concello, tal e como explicou a edil naronesa, “sitúa a prevención da violencia dixital ao mesmo nivel ca prevención da violencia presencial e por este motivo presenta unha campaña institucional nas redes sociais e con códigos de comunicación propios da xuventude que visibilizan condutas como revisar o móbil, prohibir amizades ou controlar a roupa son manifestacións de violencia psicolóxica de control, rompendo o mito de que o control é sinónimo de interese ou coidado”.
A persistencia de actitudes ambivalentes na poboación moza constitúe un dos principais retos onde a tolerancia cara a condutas machistas e a neutralidade ante a violencia son factores clave na reprodución da desigualdade. “Con esta campaña, o Concello de Narón busca implicar a mocidade na construción de relacións libres de control e violencias machistas, tamén nos espazos dixitais”, recalcou María Lorenzo.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
