A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, recordou que abrirá as súas portas en horario de mañá e tarde e que a entrada ao recinto é de balde.
A décimo sétima edición do “Mercado de 2ª man” organizado polo Concello de Narón celebrarase este domingo no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes. Un total de 70 postos, a maioría de Narón, instalaranse no citado recinto, tal e como informou a concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez.
O mercado, con entrada de balde, abrirá as súas portas en horario de mañá e de tarde, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Os postos correspóndense con particulares maiores de idade, non comerciantes nin vendedores/as ambulantes e teñen prohibida a venda de artesanía, animais, produtos alimenticios ou bebidas, tal e como se especificaba nas bases para poder instalalos.
As persoas que se acheguen a este mercado de segunda man poderán adquirir xoguetes, selos, pequenos mobles, libros, louza, roupa, artículos de decoración… Coas compras realizadas a clientela recibirá uns vales cos que poderá optar a unha serie de agasallos durante a mañá e a tarde, que consistirán en produtos de Nadal.
Cada responsable dos postos a instalar debe entregar catro quilos de produtos non perecedoiros que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. As persoas que desexen colaborar coa causa disporán tamén dun espazo onde depositar alimentos para entregar ás familias vulnerables, incidindo especialmente dende o citado centro na necesidade de recoller alimentos infantís.
A concelleira de Feiras e Mercados destacou o éxito que acada sempre esta convocatoria “coa que tratamos de dar unha segunda vida a artículos que temos nas casas”. Mar Gómez animou á cidadanía a visitar este mercado o vindeiro domingo para ver a gran variedade de produtos que estarán á venda.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

