Ata o domingo 8 de novembro, a vila acollerá encontros con autores e autoras galegas, un percorrido polo cemiterio coa escritora coruñesa Emma Pedreira, actividades infantís, sesións de cine e un concerto de Mariachi Sol de Galicia.

Pontedeume inaugurou a súa nova cita literaria ‘Pontedeume, Vila das Lendas’, dando comezo a unha fin de semana na que a literatura, a fantasía e a tradición oral transformarán a vila nun escenario cheo de historias e misterio.
A inauguración comezou cunha andaina que partiu da Biblioteca Municipal ata a Casa da Cultura na que participaron a Asociación Folclórica e Cultural Orballo e o grupo de teatro do IES Breamo, caracterizados como personaxes do imaxinario popular galego, coa Santa Compaña como figura central.

Durante a súa intervención no acto inaugural, o alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, defendeu que “a literatura e a tradición oral son a mellor forma de manter viva a nosa memoria colectiva” e destacou a aposta do Concello pola cultura cunha programación “ampla e variada, que leva os libros ás rúas e á xente de todas as idades”.
O festival conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia, que se suma a esta iniciativa cultural coa que se busca poñer en valor a literatura galega, recuperar a tradición oral e achegar a creación literaria a públicos de todas as idades.

Por diante, unha fin de semana chea de lendas e libros
O festival continua este sábado 7 coa exposición ‘Entre lendas e sombras’, dedicada á literatura fantástica e de terror, e chegarán citas como ‘Pontedeume, unha vila de lendas’, con Carmen Blanco e Xosé Fonte Sardiña, a charla gastronómica ‘A cociña do medo’, con Antonio Díaz Calvo, ou ‘As horas mortas’, un percorrido polo cemiterio guiado por Emma Pedreira.
O domingo 8 de novembro haberá conversas sobre mitoloxía e folclore galego con Francisco Castro e David das Tebras, un concerto de bandas sonoras de cinema da Escola de Música Charamela e unha festa infantil de Samaín cun pasarrúas ata a Alameda.
Tamén pola tarde estará Pedro Feijoo para falar da relación entre a experiencia vital e a creación literaria. O peche, cun acto institucional e un concerto polo Día dos Defuntos a cargo de Mariachi Sol de Galicia, será na Casa da Cultura.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
