Pontedeume convértese esta fin de semana na ‘Vila das Lendas’

O festival ‘Pontedeume, Vila das Lendas’ inaugúrase este venres 6 ás 18:30 horas cunha andaina de Samaín que rematará na Casa da Cultura e na que participarán personaxes relacionados coa Santa Compaña.

Casa da Cultura | Pontedeume

Logo de ser aprazada a súa celebración en sinal de respecto polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo, o Concello de Pontedeume prepárase para vivir unha fin de semana de literatura, fantasía e misterio con ‘Pontedeume, Vila das Lendas’, un festival que, do venres 6 ao domingo 8 de novembro, converterá a vila no escenario protagonista de historias, tradicións e encontros arredor da palabra.  

A iniciativa, que recolle a testemuña do festival ‘Vila do Libro’, propón unha programación cultural para todos os públicos que combina a creación literaria coa riqueza da tradición oral galega, aproveitando a celebración do Samaín para recuperar o universo das lendas, os seres mitolóxicos e os relatos que forman parte da memoria colectiva.  

A inauguración oficial terá lugar o venres 6 de novembro ás 18:30 horas, cunha andaina de Samaín que partirá da Biblioteca Municipal e rematará na Casa da Cultura. Nela participarán a Asociación Folclórica e Cultural Orballo e o grupo de teatro do IES Breamo, que irán caracterizados como personaxes da tradición popular, evocando figuras tan emblemáticas como a Santa Compaña. O acto estará presidido polo alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, e a concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, que darán o sinal de saída a tres xornadas de actividades culturais. 

Tres días de literatura, fantasía e misterio

A programación do venres continuará co encontro ‘Cando unha vida se converte en relato’, no que o escritor Pedro Feijoo conversará con Chema Paz Gago sobre memoria e creación literaria, ás 19:00 horas na Casa da Cultura. O cinema infantil e de terror completará a primeira xornada con dúas propostas: a película de animación Coco, que se proxectará ás 20:00 horas na Biblioteca, e unha sesión nocturna coa proxección de ‘El Exorcista’ ás 22:00 horas na Casa da Cultura.

O sábado, o festival ofrecerá unha ampla variedade de propostas para tódalas idades. Entre elas destaca a exposición ‘Entre lendas e sombras‘, dedicada á literatura fantástica e de terror na que se exhibirán todos os libros destes xéneros albergados na biblioteca da vila. Estará aberta ao público o sábado e o domingo 8 de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

A identidade e a historia de Pontedeume tamén terán un protagonismo especial co encontro ‘Pontedeume, unha vila de lendas’, no que a xornalista e escritora Carmen Blanco conversará co filólogo Xosé Fonte Sardiña, ás 12:00 horas na Casa da Cultura, sobre os relatos, personaxes e episodios que conforman a memoria colectiva eumesa.

Entre as propostas máis singulares da xornada figura ‘As horas mortas’, unha actividade conducida pola escritora Emma Pedreira que levará ó público a percorrer o cemiterio de Pontedeume para descubrir as historias que agocha este espazo. A participación require inscrición previa a través do correo electrónico culturapontedeume@yahoo.es.

A programación do sábado completarase con encontros arredor da novela fantástica, coa participación de Blanca Pórtico, a escritora Conchi Regueiro e Antonio Manuel Fraga, ademais dunha charla sobre a gastronomía do Samaín a cargo do cociñeiro Antonio Díaz Calvo. Para o público infantil haberá un obradoiro de marcapáxinas de medo, ás 11:30 horas na Casa da Xuventude, mentres que os Xardíns de Lombardero acollerán pola noite o agardado Pasadizo do Medo, unha experiencia inmersiva para público xuvenil e adulto inspirada nos personaxes e escenarios da literatura de terror.

O domingo 8 de novembro, a programación continuará a partir das 11:00 horas coa conversa ‘Seres mitolóxicos e literatura galega’, na que Natalia de la Peña entrevistará ao escritor e editor Francisco Castro. A mitoloxía e o folclore galego tamén estarán presentes nun encontro co escritor David das Tebras, ás 12:00 horas na Biblioteca.

A música terá o seu espazo cun concerto de bandas sonoras do cinema de terror a cargo da Escola de Música Charamela, mentres que a cativada poderá participar en ‘Onde nacen as historias’, un obradoiro de escritura creativa conducido por Claudia Castro e dirixido a nenos e nenas de 8 ou 9 anos en adiante.

O festival tamén abordará a relación entre a tradición oral e a linguaxe audiovisual coa actividade ‘O terror no cine’, na que as profesoras da Universidade da Coruña Mercedes Durán Lizán e Adriana Navarro, conversarán sobre a adaptación cinematográfica dunha lenda de Pontedeume.

A tarde do domingo incluirá unha festa infantil de Samaín, cun pasarrúas ata a Alameda, antes de dar paso á clausura oficial do festival, prevista para as 19:30 horas na Casa da Cultura. O peche contará cun concerto especial polo Día dos Defuntos a cargo de Mariachi Sol de Galicia.

Alameda de Raxoi/ Fuente Concello de Pontedeume

Un espazo propio para as editoriais e a literatura galega

Ademais dos encontros e actividades, durante o sábado e o domingo habilitaranse espazos, como a Biblioteca ou a Casa da Xuventude, para que as editoriais e librarías convocadas poidan instalar a súa caseta e ofrecer a venta directa das súas publicacións. Os postos poderán visitarse de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O alcalde de Pontedeume agradeceu a comprensión de participantes e veciñanza por ter aprazado o festival e que, «agora si, a vila está preparada para recibir as lendas, os libros e a todas as persoas que queiran compartir
connosco estes días».

Finalizou destacando que o festival «é unha homenaxe a quen escribe e a quen conta, e unha invitación a descubrir que as lendas seguen vivas en cada recuncho de Pontedeume».

Lea también

Se aplaza o festival «Pontedeume, Vila das Lendas» por respecto ás vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O festival literario celebrarase os días 6, 7 e 8 de novembro. O Concello de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.