Despois do éxito de convocatoria da primeira edición do curso, O GALP A Mariña-Ortegal organiza unha nova edición do Obradoiro de ‘Batchcooking’ de Pesca Saúde en Cedeira.

A actividade consiste nun curso práctico de cociña impartido por profesionais da cociña e nutricionistas. O obxectivo é aprender a organizar sesións de cociñado para preparar menús semanais saudables incorporando produto pesqueiro.
O curso divídese en dúas sesións de 4 horas cada unha, que se celebrarán o luns 9 e xoves 12 de novembro, en horario de 17.00 a 21.00 horas na cafetería do Auditorio Municipal de Cedeira. O curso é gratuíto e cómpre inscribirse na web do proxecto (pescasaude.gal) ou no teléfono 627 570 949.
Neste primeiro curso, o restaurador convidado será Cristian Santiago, chef de Marea Restaurante (Cariño). Estará acompañado polas nutricionistas de Arela Saúde. Con eles, as persoas asistentes coñecerán trucos e técnicas de cociñado e aproveitamento de produto pesqueiro para poder elaborar receitas de forma sinxela para incorporalas nos seus menús semanais.
Ademais, o curso contará coa participación da Confraría de Pescadores de Cedeira, que explicará ás persoas participantes a importancia do consumo de produto local, os seus métodos de extracción e as especies mariñas que ofrece a nosa contorna.

Programa do curso
O curso porá o foco especialmente no uso de produto pesqueiro de proximidade en menús semanais saudables e nutricionalmente axeitados a cada persoa, creados a partir dunhas poucas receitas que se poden ir combinando en diversos pratos. Para iso, atenderase aos métodos máis eficientes para o cociñado de produtos do mar sen perder o seu sabor e as súas propiedades. Tamén se ensinará que especies son máis axeitadas para a súa conservación na neveira ou no conxelador.
Entre as actividades dos obradoiros estarán tamén as técnicas para optimizar o tempo na cociña, a introdución ao uso de ferramentas e recipientes axeitados para conservar os alimentos ou a preparación de bases sinxelas reaproveitables, buscando a redución de desperdicio alimentario.
As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa da compra exclusiva feita con redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes).
Que é Pesca Saúde?
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.
Con este obxectivo, ao longo de 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña en vivo.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
