O acordo permitirá ao alumnado universitario realizar prácticas no Concello durante o curso 2026/2027. A través deste convenio refórzase a colaboración institucional coa comunidade educativa da cidade
O Concello de Ferrol continúa a reforzar a súacolaboración coas institucións educativas coa adhesión ao convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que permitirá ao alumnado universitario realizar prácticas académicas externas no Concello durante o curso 2026/2027.
Esta adhesión dá continuidade ao convenio asinado o 30 de novembro de 2021 entre a USC e a FEGAMP, destinado a facilitar a realización de prácticas académicas externas, curriculares ou extracurriculares, por parte do alumnado das titulacións oficiais de grao e máster universitario impartidas pola universidade.
O obxectivo é ofrecer ao estudantado unha oportunidade para complementar a súa formación académica mediante unha experiencia práctica no ámbito da Administración local. Deste xeito, o alumnado poderá aplicar os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, desenvolver novas competencias e habilidades profesionais e achegarse á realidade do traballo na Administración pública.
Pola súa banda, o Concello de Ferrol benefíciase do intercambio de coñecementos e experiencias entre o ámbito académico e a práctica administrativa, incorporando novas perspectivas e contribuíndo á formación de futuros profesionais.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
