O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na IV edición do FESTALENT

A feira terá lugar, o próximo xoves 29 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas, no Pavillón Municipal de Esteiro. A conferencia do fundador e director creativo de Morbo Brand Makers, Pablo Amade, pechará o evento, ás 18:15 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal.

A cuarta edición do FESTALENT – Feira de Empresas e Talento, promovida no marco do programa ImpúlsaT da Universidade da Coruña (UDC), reunirá, o próximo xoves 29 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas, a máis de 50 firmas, entidades e asociacións de distintos puntos de Galicia e de España no Pavillón Municipal de Esteiro.

Un ano máis, o evento está impulsado polo Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e máis da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A feira pretende da a coñecer a actividade das empresas participantes e facilitar o seu contacto co alumnado universitario, especialmente con aqueles mozos e mozas que buscan a súa primeira oportunidade laboral. Participan nesta cuarta edición, Abance Ingeniería, ALUMAN, Antea Group, Applus+, Armada, Cándido Hermida, CT Ingenieros, Detegasa, ElectroRayma, Finsa, Grupo Gabadi, Gauzón Ibérica, Genesal Energy, Gerca Acero y Metal, Ghenova Ingeniería, Grupo Intaf, Grupo Noa´s, Ibercisa, Indra, Invall, Grupo JRilo, Navantia, Nordés Ancín, Nordés Edge, Norvento Enerxía, Proxecto Shorewinner, PwC, Quest Global, Reganosa, STAC, Tecdesoft, Technip Energies Iberia, TechnoPro Hispania, Texas Controls, Voltan Group e Primark.

Tamén terán espazo de seu neste evento a Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA), o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra), a Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME), o Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (ICOIIG), o Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de Coruña (COETICOR), o Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos (COIN), o Colegio Oficial de Graduados e Ingenieros Técnicos Navales (COGITN), a Bolsa de Emprego do Polígono de Carballo, COGAMI, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (Polos de Emprendemento), a entidade da Fundación ONCE Inserta Empleo, o programa Xuventude Mentoring e o Servizo de Emprego da Universidade da Coruña (UDC).

As persoas participantes poderán achegarse aos stands das empresas, entidades e asociacións participantes, coñecer os perfís profesionais que demandan e informase sobre as súas oportunidades laborais. Ademais, a través da aplicación web habilitada para o evento, poderán compartir previamente os seus currículos coas empresas e consultar as ofertas de emprego e de prácticas dispoñibles.

O poder das narrativas, protagonista da conferencia de clausura

Como peche desta cuarta edición do FESTALENT – Feira de Empresas e Talento, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá, ás 18:15 horas, unha conferencia impartida polo fundador e director creativo de Morbo Brand Makers, Pablo Amade. Baixo o título “O poder das narrativas”, o relator convidará ao público asistente a reflexionar sobre como as historias constrúen significado, xeran vínculos e contribúen a dar forma ás marcas, tanto persoais como empresariais. Ao longo da súa intervención abordará tamén a influencia das narrativas á hora de conectar coas persoas, transmitir ideas e mobilizar arredor de proxectos.

Con máis de 20 anos de experiencia no ámbito do branding, Pablo Amade formouse na Central Saint Martins de Londres e traballou para diversas empresas e institucións entre as que destacan Coca Cola, Correos ou o Museo Guggenheim de Bilbao. Na actualidade dirixe Morbo Brand Makers, un estudo independente que desenvolveu proxectos para marcas como Vicio, Sónar, o Real Club Deportivo da Coruña ou o Real Club Deportivo Espanyol de Barcelona.

Inscrición obrigatoria e acceso mediante QR

Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta cuarta edición do FESTALENT – Feira de Empresas e Talento que promove o Campus Industrial de Ferrol terán que inscribirse previamente a través da páxina web https://campusindustrial.udc.es/es/festalent/. Unha vez realizado o rexistro recibirán un correo electrónico de confirmación cun código QR co que poderán acceder ao Pavillón Municipal de Esteiro. O evento está dirixido a alumnado universitario, de ciclos de Formación Profesional e ao público xeral interesado.

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol analiza o papel de Galicia no escenario intl. da man de Jesús Gamallo

A Facultade de Humanidades e Documentación acolle, o venres 30 de outubro, ás 11:00 horas, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *