Carreira Popular e travesía a nado, citas destacadas en Cedeira

Ata o venres segue a Semana Infantil, que está a ter gran participación e os vindeiros días chegan cargados de actos culturais, concertos e festas patronais.

Fuente Concello de Cedeira

A cativada está a pasar desde este pasado luns en Cedeira unhas mañás moi animadas coa Semana Infantil, que como cada ano organizou o Concello e que propón xogos, carreiras e concursos para nenos de todas as idades. O programa está a ter unha alta participación e continuará todavía ata o venres, cando rematará co concurso de construción de castelos na area. Coa chegada da fin de semana, neste preámbulo das Festas da Patroa, a axenda da localidade énchese de actividades de todo tipo, entre as que destacan as deportivas.

Así, este venres terá lugar a Carreira Popular, unha cita que tamén é un clásico no verán de Cedeira. A praza Roxa será o lugar de saída e de chegada desta carreira que adoita contar con persoas disfrazadas e que, en calquera caso, sempre ten un carácter lúdico. A inscrición estará aberta desde as 17.00 horas, na mesma praza, e a saída tomarase ás 19.00 horas. Na organización da proba colabora o Club Natación Cedeira, que tamén promove a travesía a nado e ao que o Concello agradécelle o seu traballo.

Ao día seguinte, o sábado día 8, desenvolverase a Travesía a Nado Vila de Cedeira, un evento deportivo que chega á súa vixesimo oitava edición e que adoita levar á localidade a nadadores de clubs de toda Galicia e doutras comunidades. A recollida de gorros por parte dos participantes será de 10.00 a 11.30 horas e a partir das 12.00 horas darase a saída nas diferentes probas, de 50, 300, 800 e 1.500 metros.

Polo de agora, segundo comentaron fontes do Club Natación Cedeira, van preto de 200 inscricións polo que se prevé que sexa unha das travesías con máis participación. A inscrición manterase aberta, non obstante, ata o comezo da proba.

A programación cultural do Concello abrangue esta semana un novo pase do ciclo Mestre Mateo, no que se achega o melloriño do cine galego do último ano. O Auditorio acollerá o mesmo venres, día 7, a proxección de “Sirat”, ás 21.30 horas.

Tamén hai outras citas culturais, deportivas e festivas. Este xoves, ás 20.30 horas, o Auditorio Municipal acollerá a presentación dun novo número da revista de estudos locais “Terras de Ortegal”.

O venres 7, no Bar Mástil, desenvolverase a segunda charla prevista no programa Cedeciencia. Desta volta falarán Miguel Hevia e Clàudia Fontserè, cada un deles aportando o seu coñecemento arredor do lobo, da súa presenza na Capelada e da súa xenética.

Tamén hai celebracións patronais esta fin de semana. Son as Festas de San Román. O programa do sábado abrangue a misa solemne ás 13.00 horas, cantada polar Coral Eixil, e sesión vermú a continuación co dúo Veneguay. Ás 18.30 horas xogarase un partido de fútbol de solteros contra casados e xa pola noite haberá unha verbena, na que voltará tocar Veneguay e actuará tamén o dúo Caramba.

Ao día seguinte, o domingo, celebrarase misa ás 13.30 horas, e o programa pecharase cunha sesión vermú amenizada por Caramba.No apartado musical, o sábado celebrarase a vixesimo terceira edición do Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”, que organiza a agrupación local. Participarán as bandas de música de Meira e de Noia, xunto coa de Cedeira, e farán un pasarúas polo centro da vila a partir das 18.30h para dirixirse ao parque do Floreal, que acollerá o certame a partir das 19.00h.

Lea también

Neda restablece el suministro de agua en todo el municipio, pero no descarta nuevas interrupciones si persiste la sequía

Los trabajos realizados por Veolia para aumentar la entrada de agua procedente del embalse de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *