A Universidade da Coruña leva a Equiocio Ferrol a súa aposta pola innovación, o benestar e o compromiso social

A Universidade da Coruña (UDC) estará presente na 35ª edición de Equiocio Ferrol, que terá lugar do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas, en Covas, cun espazo expositivo propio desde o que dará a coñecer o seu labor nos eidos da docencia, da investigación e da innovación. Ademais, aproveitará este encontro para divulgar a súa oferta académica na cidade departamental e o potencial investigador e innovador do Campus Industrial de Ferrol.

Ao longo dos catro días que dura o evento, a institución herculina dará a coñecer algúns dos principais programas e servizos impulsados desde a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. Deste xeito, as persoas asistentes a Equiocio Ferrol poderán coñecer de primeira man a UDC Saudable, a iniciativa orientada á promoción da saúde física, emocional e do benestar da comunidade universitaria, e Espazo Compartido, o programa universitario destinado a promover a autonomía persoal e a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual e/ou con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

Tamén poderán coñecer os pormenores da Clínica Xurídica, que lle permite ao estudantado colaborar na resolución de retos e necesidades reais de persoas en risco de exclusión social, do Programa Afrontemos, centrado na promoción da saúde mental, e de todo o traballo realizado desde a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) que fomenta a participación solidaria a través de máis de 140 convenios con entidades sociais e da cooperación ao desenvolvemento.

O espazo expositivo da Universidade da Coruña (UDC) servirá tamén para presentar a oferta académica de grao e de máster do Campus Industrial de Ferrol, así como para achegar ao público a algúns dos proxectos de
investigación desenvolvidos nos últimos anos en eidos estratéxicos como a industria intelixente, os materiais avanzados, a enerxía, a enxeñaría naval, a sustentabilidade ambiental e a transformación dixital.

O compromiso da Universidade

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salienta que a participación en Equiocio Ferrol reforza o compromiso da Universidade da Coruña (UDC) cunha universidade aberta e próxima á sociedade. Segundo destaca, esta colaboración será unha oportunidade máis para amosar que a institución “non só forma profesionais e xera coñecemento, senón que tamén impulsa iniciativas que transforman de xeito positivo a vida
das persoas e que fortalecen a cohesión social”.

Tres charlas abertas ao público

Ademais de contar cun espazo expositivo de seu, a Universidade da Coruña (UDC) promoverá tres charlas divulgativas co obxectivo de achegar ao público asistente a algunhas das súas iniciativas en materia de responsabilidade social, saúde e benestar. A primeira delas, titulada “UDC con impacto: universidade,
compromiso e transformación social”, terá lugar o xoves 6 de agosto, ás 18:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, reflexionará sobre o papel da universidade na construción dunha
sociedade máis inclusiva, sostible e comprometida coas persoas e co territorio.
Esta proposta continuará o venres 7 de agosto, ás 17:00 horas, coa charla “Más tempo para vivir: claves para unha xestión saudable do tempo”, impartida pola estudante do grao en Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña (UDC), Elena Pernas. Para rematar, o sábado 8, tamén ás 17:00 horas, terá lugar o relatorio “Coida a nosa saúde mental: recursos da UDC Saudable e de Afrontemos”, da man da técnica da UDC Saudable, Cristina Martínez, quen dará a coñecer os recursos e programas que a institución pon ao dispor da súa comunidade para promover o benestar emocional e a saúde mental.

Lea también

La catedrática de la UDC en el Campus de Ferrol Laura Castro Santos, premio nacional de investigación

El Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (MICIU) ha concedido los Premios Nacionales de Investigación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *