O Campus de Ferrol achega a tecnoloxía dos exoesqueletos aos profesionais de emerxencias da comarca

Da man da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica acolleu unha xornada na que se presentou un prototipo desenvolvido no marco do proxecto europeo ExoCare e se probaron outros cinco modelos comerciais para a prevención de riscos laborais.

Persoal de emerxencias da comarca probando o prototipo deseñado no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao CITENI do Campus de Ferrol / Foto UDC -Campus de Ferrol

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, acolleu, unha xornada de sensibilización e demostración práctica sobre o uso de exoesqueletos pasivos para a prevención de lesións musculoesqueléticas entre os profesionais de emerxencias.

A Universidade da Coruña (UDC) e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol impulsaron, a través da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo, unha actividade dirixida especialmente a bombeiros, equipos de rescate e persoal sanitario, colectivos que realizan tarefas de elevada esixencia física e que están expostos a este tipo de lesións, especialmente na zona lumbar.

Un dos principais atractivos da xornada foi a presentación do primeiro prototipo de exoesqueleto pasivo desenvolvidopolo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no marco do proxecto europeo ExoCare. Trátase dun dispositivo téxtil, lixeiro e de baixo custo, deseñado para contribuír a reducir a carga sobre a zona lumbar no momento no que se realizan determinados esforzos físicos.

Ao tratarse dun exoesqueleto pasivo, non precisa de motores nin baterías, o que facilita a súa utilización en diferentes contornas laborais. Ao longo da xornada, as persoas participantes puideron coñecer e probar este prototipo xunto con outros cinco modelos comerciais facilitados pola empresa Proquicel.

O programa da actividade incluíu tamén unha charla sobre o funcionamento dos exoesqueletos pasivos e o seu papel na prevención dos riscos laborais, seguida dunha demostración práctica dos seis dispositivos. A actividade correu a cargo do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Florian Michaud, e do responsable da empresa de Proquicel, Yago Blanco.

ExoCare, un proxecto europeo para mellorar as condicións laborais das persoas coidadoras.

O desenvolvemento do prototipo forma parte do proxecto europeo ExoCare que ten como obxectivo mellorar as condicións laborais das persoas coidadoras na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, especialmente mediante a prevención das lesión lumbares derivadas da mobilización de pacientes. A iniciativa contempla tamén a creación dun banco de exoesqueletos de uso compartido, para facilitar o acceso a esta tecnoloxía e promover un modelo de utilización máis sostible.

Ata o momento, xa se fabricaron as dez primeiras unidades do prototipo, que están preparadas para seren probadas nos Living Labs do proxecto. ExcoCare enmarcase no programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021 – 2027 e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Entre as entidades socias do consorcio atópanse a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña (UDC), a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a organismos como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdade –a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria– da Xunta de Galicia.

Completan a alianza a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), todos eles comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida a persoas dependentes.

Lea también

O Campus de Ferrol acolle dous obradoiros centrados na música tradicional galega

A Área de Cultura da Universidade da Coruña (UDC) organiza estas dúas propostas gratuítas, nas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.