As Escolas Municipais Culturais das Pontes abren o prazo de matrícula para o novo curso o 7 de setembro

O alumnado do curso anterior poderá reservar a súa praza do 7 ao 15 de setembro.

O Concello das Pontes, a través da Concellería de Cultura, abrirá durante o mes de setembro o prazo de matrícula para as Escolas Municipais Culturais correspondentes ao curso 2026-2027, un programa consolidado que cada ano ofrece á veciñanza a oportunidade de achegarse á música, á danza e ás tradicións populares mediante unha ampla oferta formativa.

As Escolas Municipais Culturais constitúen un dos piares da programación cultural do municipio, favorecendo a aprendizaxe artística, a convivencia e a transmisión do patrimonio cultural galego entre persoas de todas as idades. A través destas actividades, o Concello continúa apostando por unha oferta educativa de calidade, accesible e orientada á participación activa da cidadanía na vida cultural das Pontes.

A programación deste novo curso inclúe as especialidades de gaita, pandeireta, acordeón, percusión, baile galego, baile moderno, danza clásica e danza e movemento, disciplinas impartidas por profesorado especializado e dirixidas, preferentemente, ás persoas empadroadas no municipio. No caso de existiren prazas vacantes unha vez rematado o proceso, estas poderán ser ocupadas por persoas non empadroadas que presenten a súa solicitude dentro do prazo establecido.

Dúas fases de matrícula
O proceso de inscrición desenvolverase en dúas fases diferenciadas. A primeira delas estará destinada ao alumnado que xa participou nas Escolas Municipais durante o curso 2025-2026. Así, do 7 ao 15 de setembro abrirase o prazo para a reserva de praza, que permitirá ao alumnado continuar na mesma actividade e grupo, sempre que cumpra os requisitos establecidos no regulamento: ter completado o curso anterior con asistencia habitual ás clases, non manter recibos pendentes, non causar baixa durante o curso e formalizar a matrícula no mesmo grupo.

A segunda fase corresponderá á nova matrícula, que permanecerá aberta do 22 ao 29 de setembro. Neste período poderán presentar solicitude todas aquelas persoas interesadas en incorporarse ás Escolas Municipais Culturais. A asignación das prazas realizarase de forma directa cando o número de solicitudes non supere as vacantes dispoñibles. No caso contrario, procederase á súa adxudicación mediante sorteo público, garantindo así a igualdade de oportunidades entre todas as persoas solicitantes.

O 21 de setembro publicarase no taboleiro de anuncios do Departamento de Cultura, situado na Casa Dopeso, o listado de prazas vacantes, así como a data e a hora na que se celebrará o correspondente sorteo, no caso de ser necesario.

Casa Dopeso | Concello de As Pontes

Inscrición preferentemente por vía telemática

Co obxectivo de facilitar os trámites á cidadanía, o Concello recomenda realizar a matrícula preferentemente a través da sede electrónica municipal, accedendo ao procedemento correspondente ás Actividades culturais e deportivas.

As persoas que non dispoñan de medios electrónicos ou prefiran realizar o trámite de maneira presencial poderán descargar os impresos desde a sede electrónica ou recollelos e entregalos no Departamento de Cultura (Casa Dopeso), de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

As persoas interesadas poden obter máis información a través do correo electrónico cultura@aspontes.org, no teléfono 981 44 03 44 ou dirixíndose ao Departamento de Cultura, na Casa Dopeso.

Lea también

La CEG ve la inversión de Indra en As Pontes como una «excelente noticia» para la «reindustrialización» gallega

La Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ha considerado la inversión de Indra en As …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *