Esta edición ofrecerá 15 espectáculos entre este domingo día 2 e o 8 de agosto.

A celebración da XLVIII Mostra de Teatro Galego, converterá a vila, un ano máis, nun dos principais escenarios das artes escénicas galegas. Entre este domingo e o 8 de agosto, o certame ofrecerá un total de 15 representacións, ás que se suma a función previa da Escola Municipal de Teatro de Cariño.
A inauguración oficial terá lugar hoxe co espectáculo itinerante ‘Animacreques’, da compañía Catropés, que partirá ás 12:00 horas desde a Casa do Concello. A xornada continuará ás 13:00 horas na Porta da Pulida coa representación familiar ‘Historias para escagharriñarse’, de Teatro Ghazafelhos, e completarase ás 21:00 horas coa proposta de danza ‘Trïade e Alleo’, do Colectivo Glovo.

Ao longo da semana sucederanse as funcións familiares en horario de mañá e as representacións para público adulto nas sesións nocturnas do Auditorio Municipal. A programación reunirá compañías e artistas de referencia das artes escénicas galegas como Fantoches Baj, Chévere, Muu, Producións Teatrais Excéntricas, Galeatro e Xarope Tulú, Mariña Lestón, Tarabela Creativa, De Ste Xeito, Píscore ou Carlos Blanco.

A clausura da XLVIII Mostra celebrarase o sábado 8 de agosto na Porta da Pulida cunha dobre proposta gratuíta para todos os públicos. Ás 13:00 horas, A Vela Circo presentará ‘Enredos’ e, ás 22:00 horas, o ilusionista Joshua Kenneth pechará o certame co espectáculo de maxia ‘Degustación de imposibles’.
Unha nova edición dun evento consolidado como unha das grandes citas culturais do verán en Galicia, cunha programación pensada para atraer tanto ao público local como ás persoas visitantes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.