Ares presenta un selo de Correos e un mataselos conmemorativos do Ares Indiano

O acto celebrarase este 5 de agosto, ás 12:00 horas, na Alianza Aresana, coincidindo coa apertura da exposición “Selos e máis: memoria da emigración”. A mostra, organizada pola concellaría de Cultura coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, poderá visitarse ata o 14 de agosto e reunirá materiais vencellados coa emigración galega a América.

A concellaría de Cultura do Concello de Ares presenta o 5 de agosto, ás 12:00 horas na Alianza Aresana, un selo de Correos e un mataselos conmemorativo da IX edición do Ares Indiano, unha iniciativa que afonda na pegada histórica, social e emocional da emigración aresá e galega cara a América.

A proposta conta coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, con sede na Coruña, e permitirá sumar á programación cultural previa do Ares Indiano unha acción vencellada á memoria postal, ás viaxes transoceánicas e aos vínculos mantidos entre Galicia e Cuba a través da correspondencia.

Exposicion Filatelica-Ares Indiano-3
Exposicion Filatelica-Ares Indiano-3

O mesmo día da presentación abrirase tamén ao público a exposición “Selos e máis: memoria da emigración”, que permanecerá instalada no vestíbulo da Alianza Aresana do 5 ao 14 de agosto.

A mostra artéllase arredor de tres grandes bloques temáticos: unha selección de filatelia cubana, con selos de Cuba de finais do século XIX e principios do século XX; un apartado dedicado á Galicia do século XIX e á correspondencia con Cuba, con cartas entre ambos territorios; e unha terceira sección centrada nos testemuños da emigración galega a América, a través de postais, documentos de embarque e outros materiais vinculados a ese proceso migratorio.

Exposicion Filatelica-Ares Indiano-3

Con esta iniciativa, o Concello de Ares procura achegar á veciñanza unha ollada diferente sobre a emigración, poñendo o foco nos pequenos documentos que tamén gardan a súa propia memoria: selos, cartas, sobres e postais que falan das historias que cruzaron ambas beiras do Atlántico.

O cartel anunciador da actividade é obra de Miriam Fernández, creadora aresá que destaca polas súas ilustracións a lapis e que nesta ocasión propón unha imaxe inspirada na estética indiana, nas travesías marítimas e na correspondencia como símbolo da memoria emigrante.

A presentación do selo e do mataselos, xunto coa exposición filatélica, intégrase así na programación cultural arredor do IX Ares Indiano.

Lea también

“GALICIA SABE AMAR” promocionará en Equiocio Ferrol el consumo de pescado y marisco gallego a través de 16 catas

Chefs de primer nivel, muchos de ellos de Ferrolterra, serán protagonistas de la iniciativa impulsada …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *