A actuación permitirá dar continuidade ao itinerario ciclista entre ambas praias, sumando preto de 300 metros máis. O proxecto mellorará a seguridade viaria e favorecerá unha mobilidade máis sostible nun dos viarios máis transitados da costa ferrolá.
O goberno local de Ferrol aprobou a adxudicación das obras da prolongación dun tramo do carril bici da estrada Ferrol-Doniños-San Xurxo, incluída no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencial municipal POS+Adicional 2/2025 (2ª Fase). A empresa Canarga SL executará os traballos por un importe de 74.148,99 euros e nun prazo de dous meses.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou que “damos un novo paso na mellora das infraestruturas que favorecen a práctica deportiva, a mobilidade sostible e a calidade de vida da cidadanía”.
Na actualidade, existe un carril bici executado nas inmediacións da praia de Doniños, que finaliza xunto á estrada de acceso cara a San Xurxo. A partir dese punto, os ciclistas vense obrigados a compartir a calzada co tráfico rodado ao non existir unha infraestrutura específica para a circulación en bicicleta.
Esta situación interrompe a continuidade do itinerario e reduce as condiciónsvde seguridade viaria, especialmente durante os meses de verán, cando aumenta de maneira considerable a intensidade do tráfico e a presenza depeóns e ciclistas. Por este motivo, o Concello considera prioritaria esta actuación.
As obras permitirán prolongar o carril bici entre Doniños e San Xurxo, nun total de 285 metros, mediante unha plataforma de 2,50 metros de anchura útil. O proxecto inclúe tamén a execución da drenaxe superficial mediante unha pendente transversal do 1,5 % e a instalación de sumidoiros conectados á rede de pluviais, así como a adecuación dos accesos e a correspondente sinalización horizontal e vertical.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na consolidación do itinerario litoral, mellora a seguridade viaria nunha vía moi utilizada tanto pola veciñanza como polas persoas visitantes e reforza o seu compromiso cun modelo de mobilidade máis sostible, accesible e respectuoso co contorno.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
