O Concello de Cedeira vén de detectar a subtracción de elementos pertencentes á escavación na antiga Fábrica de Salgadura, que se leva a cabo para recuperar unha das factorías que chegaron a funcionar na vila e que desapareceron definitivamente a mediados do século XX.
Os traballos que executa a empresa AXA Arqueoloxía, foron promovidos polo Concello e autorizados por Costas despois de que as obras de rexeneración na praia da Madalena sacaran á luz restos dunha destas fábricas, en concreto a que pertenceu a José Soto, coñecida como “a do Xenio”.
Diante desta agresión ao patrimonio, a Concellería de Cultura, que dirixe María Diana Cendán Rodríguez, lembra que “coidar o noso patrimonio é responsabilidade de todos e todas”, porque “constitúe un legado único que recibimos das xeracións que nos precederon e que temos a obriga de conservar para as futuras”. Estes espazos, engade, “son para coñecer, gozar e respectar, nunca para espoliar, deteriorar ou alterar”.
Desde o Concello insístese en que a subtracción de pezas, a realización de escavacións non autorizadas, os danos sobre xacementos arqueolóxicos, petróglifos, bens patrimoniais ou elementos naturais, xunto co abandono de residuos, actos vandálicos ou calquera outra actuación que poña en risco a conservación deste patrimonio constitúen infraccións que se poden sancionar e mesmo, nos casos máis graves, acarrean responsabiliades penais.
Así, na Lei 5/2016 de 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia, establéncense multas de contía elevada en función da gravidade dos feitos, a obriga de restaurar ou reparar os danos causados, o comiso dos materiais ou instrumentos empregados na infracción e o traslado dos feitos á autoridade xudicial cando poidan constituír un delito contra o patrimonio histórico ou o medio ambiente.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
