Mobilízanse 2.156 persoas entre tribunais titulares e suplentes en 60 centros educativos de 15 localidades das catro provincias galegas.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou este sábado as sedes das oposicións de educación no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e do Instituto Ramón Aller Ulloa, en Lalín. O representante da Xunta transmitiu ás persoas opositoras os seus mellores desexos para estas probas. “O traballo é o que desenvolvestes con gran esforzo nos últimos meses, hoxe é o día de demostralo para recoller os froitos”, afirmou.
Son case 15.900 os aspirantes que comezan hoxe as oposicións de educación, nas que se convocaron 1.601 prazas. Isto supón mobilizar no día de hoxe 154 tribunais, conformados por 2.156 persoas entre titulares e suplentes, en 60 centros educativos de 15 localidades das catro provincias galegas.
Neste sentido, o conselleiro agradeceu o traballo de todas as persoas “que están detrás deste gran dispositivo, que levan meses traballando para que o proceso se desenvolva con todas as garantías”. Entre outras cuestións, recordou que este ano por primeira vez se van realizar controis aleatorios de dispositivos non permitidos para garantir a igualdade de oportunidades.
Ademais, tamén como novidade este ano, acordouse cos sindicatos CCOO, Anpe, UGT e CSIF eliminar a obriga de que o persoal interino e substituto teña que presentarse ás oposicións para manterse na súa posición consolidada nas listaxes, co fin de alixeirar a intendencia do proceso. Isto permite, ademais, mellorar a ratio de opositores por tribunal. Aínda así, os interinos que o desexaron si puideron inscribirse e acudir aos exames.
Román Rodríguez puxo en valor a axilidade das oposicións de educación. A este respecto, indicou que a previsión é ter rematados os exames e cos resultados dispoñibles a partir do 19 de xullo. A continuación, as persoas que obteñan praza deberán participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais, que se resolverá a principios do mes de agosto. “O obxectivo é que os novos funcionarios se incorporen aos centros o 1 de setembro”, sinalou o conselleiro.
O conselleiro reiterou que este proceso é unha nova mostra da aposta do Goberno galego pola estabilidade do emprego docente e a mellora do sistema. “Non en balde, estas oposicións elevan a 21.698 as prazas convocadas desde 2009 pola Xunta no sistema educativo, un sistema que conta, ademais, coa menor interinidade docente do Estado, moi por debaixo da media”, dixo. “Aínda así, convocamos o máximo número de prazas posibles, esgotando a taxa de reposición marcada a nivel estatal, do 120%. Isto é, convocamos 120 prazas por cada 100 baixas”, detallou.
As oposicións facilitan, así mesmo, a mellora progresiva das ratios que Galicia está a impulsar, reducindo o número de alumnos por profesor dado que, nun contexto de caída da matrícula, mantense a intensidade das oposicións.

Reforzo de áreas claves
Das 1.601 prazas convocadas, en 42 especialidades, case o 87%, un total de 1.388 prazas, son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario.
Por corpos, no de mestre hai 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.
A convocatoria fai fincapé no reforzo de áreas clave como a atención á diversidade, cun total de 136 prazas para mestres especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, ou a aprendizaxe das linguas estranxeiras, cun total de 229 prazas en inglés e 54 prazas en francés. Convocáronse tamén algunhas especialidades nas que se estaba esgotando as listaxes de substitucións, como é Latín en Secundaria, con 35 prazas, ou Soldadura no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, con 14 prazas.
A relación de sedes, tribunais e prazas por especialidades pode consultarse no dossier adxunto.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.