O IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes gaña a III Carreira Greenpoweer Galicia nas categorías F24 e F24+

Foron un total de 12 equipos de Galicia, de Asturias e do País Vasco os que participaron

Os equipos Kastro Sport Team I e Kastro Sport Team II do IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes  gañaron a III Carreira Greenpower Galicia na categoría F24, de 11 a 16 anos, e na F24+, de 16 a 25 anos. O
campionato, organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e en colaboración coa Escudaría As Pontes motorsport, reuniu, este xoves 18 de xuño, no circuíto de karting desta localidade, a 12 equipos de Galicia, de Asturias e do País Vasco.

O obxectivo desta carreira era o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando unha única batería eléctrica sen a posibilidade de recargala ou de cambiala durante o
percorrido. Para iso, o estudantado de ESO, de Bacharelato, de FP e de universidade participante podería usar un vehículo eléctrico construído a partires dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia no que se inclúen as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor, así como un par de baterías, ou competir cun coche creado “desde cero”. Deste xeito, non gañaba o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e
sustentable posible.

Os equipos participantes na categoría F24, de 11 a 16 anos, tiveron que superar unha proba de resistencia de 90 minutos de duración no circuíto de karting situado no Concello das Pontes, cambiando de condutor ou condutora,
de xeito obrigatorio, nalgún momento da proba. Os equipos participantes na categoría F24+, de 16 a 25 anos, deberían superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración sen a obriga de mudar de condutor ou condutora do vehículo en ningún momento do percorrido.

Acto inauguración

A primeira hora da mañá tivo lugar o acto de inauguración desta III Carreira Greenpower Galicia no que participaron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; o concelleiro de Xuventude, Festas e Novas Tecnoloxías e Marca Ferrol, Arán López; a subdirectora de Estudantado e Difusión da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Carolina Camba; o responsable de Greenpower Iberia, Paul Riley, e o coordinador do Proxecto Greenpower na Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Amado.

Un vehículo eléctrico especial

Como novidade, tanto os mozos e mozas participantes como o público asistente á III Carreira Greenpower Galicia puideron ver como circulaba polo circuíto de karting das Pontes un vehículo eléctrico potenciado por hidróxeno
construído polo alumnado e polo profesorado do CIFP As Mercedes de Lugo no marco do Proxecto de Innovación “Mobilidade de Hidróxeno Verde en FP” que impulsa a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, xunto co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Nesta iniciativa de innovación docente tamén participan o CIFP Río Tormes de Salamanca e o IES Virgen de la Paloma de Madrid.

Un ano máis, colaboraron nesta III Carreira Greenpower Galicia, organizada pola Escola Politécnica de Ferrol (EPEF), Greenpower Iberia, a Deputación da Coruña, o Concello das Pontes, o Concello de Ferrol, o grupo Intaf, a
Carpintería Madesa das Pontes, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia e Supermercados Gadis.

Podio – Categoría F24
(de 11 a 16 anos)

Primeiro Premio – Kastro Sport Team I do IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez)
Segundo Premio – Carral Teams do IES Carral (Carral, A Coruña)
Terceiro Premio – Cidercar, do IES Peñamayor (Nava, Asturias)

Podio – Categoría F24+
(de 16 a 25 anos)

Primeiro Premio – Kastro Sport Team, do IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez)
Segundo Premio – Abrente GP do IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense)
Terceiro Premio – Antón Losada Motor Sport do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra)

Best Bodywork – Xunkart do CIFP A Xunqueira (Pontevedra, Vigo)

Best Presented Team – TT Racing Narón do IES As Telleiras (Narón, A Coruña)

Best Transmission – Baraka mugi 1 do Baraka mugi taldea FP Barakaldo (Barakaldo, Bizkaia)

Best Electronics – Baraka mugi 2 do Baraka mugi taldea FP Barakaldo (Barakaldo, Bizkaia)

Best Telemetry – EPEF Racing Team da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) (Ferrol, A Coruña)

Lea también

La alumna del grado en Relacións Laborais e RRHH, Nuria Mahía Escudero, gana el Premio Cipriano Dobarro 2026 que otorga la Facultad de Ciencias do Traballo

La alumna del 4° curso del grado en Relaciones Laborales y Recursos Humanos, Nuria Mahía …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *