Ruta extraordinaria dentro do SendAres 26-27 pola Costa da Morte

A concellaría de Deportes anuncia un roteiro extraordinario que se impulsará tras os meses de maior actividade de verán para que os participantes do SendAres, o programa municipal de sendeirismo, exploren o Camiño dos Faros, na Costa da Morte.

Arquivo-Turismo Galicia-Fisterra

A saída impulsarase entre o 12 e 13 de setembro, mais o proceso de inscricións está aberto dende este 18 de xuño, ás 16:00 horas de xeito telemático na web institucional, www.concellodeares.gal, primeiro para empadroados e, ao día seguinte na mesma franxa horaria, para o resto de persoas interesadas.

No itinerario deseñado polo Concello inclúense dúas rutas, unha por día, para descubrir un par de tramos desta espectacular ruta de sendeirismo que percorre o litoral da Costa da Morte, conectando Malpica con Cabo Fisterra.

A xornada do 12 de xuño centralizarase no treito de Muxía a Nemiña, uns 25 quilómetros que constitúen unha das etapas máis agrestes e auténticas do Camiño dos Faros, con subixas e baixadas entre cantís, calas semiocultas e miradoiros infinitos. Os sendeiristas achegaranse á contorna do Cabo Touriñán, o punto máis occidental da España peninsular, ata chegar á impresionante praia de Nemiña. Logo, a noite farase no albergue As Eiras en Lires, en plena natureza, nun lugar único para descansar xunto á ría máis pequena de Galicia. Ao día seguinte, será o momento de lanzarse aos sendeiros da etapa final que conduce cara o fin do mundo. Cruzarase a ría de Lires para pasar  por lugares emblemáticos como a praia do Rostro, os cantís da Canousa ou o Cabo da Nave, culminando coa chegada ao faro de Fisterra.

A experencia aglutinará dous días marcados pola forza do litoral galego, a natureza salvase e as historias que se agochan tras todas esas paisaxes. O prezo total é de 110 euros, incluíndo os servizos de guía, transporte e seguros, o aloxamento no albergue e cea, almorzo e picnic-tentempié.

No tocante á loxística, prevese saír o sábado, 12 de setembro, ás 7:00 horas da Praza da Igrexa de Ares e chegarase ó municipio desde Fisterra na seguinte xornada preto das 21:00 horas.

A concellaría de Deportes habilitou 23 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición seguindo os prazos establecidos.

 

 

 

Lea también

La Cofradía de pescadores de Barallobre presenta la Fiesta del Marisco 2026

La Cofradía de Pescadores de Barallobre invita a toda Galicia a acercarse los días 22 …