Neda programa o espectáculo infantil de narración oral “Contos en lila”

A biblioteca municipal de Neda despide este sábado ao mediodía o curso, e faino programando un contacontos para o público infantil, centrado na igualdade e nos roles de xénero. Trátase dos “Contos en lila» de Cris de Caldas.

O espectáculo de narración oral, con entrada libre, arrincará ás 12 horas. E preséntase como unha escolma de historias dirixidas a que a rapazada reflexione sobre a necesidade de avanzar cara a un mundo máis xusto no que nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades.

Así, “das caixas máxicas dos contos saen carapuchiñas que non saben o seu conto, dragóns que parecen galos de curral, traballadoras en folga, princesas de pernas tortas, e un neno que chora e provoca unha revolución”. Trátase de rachar cos estereotipos de xénero, presentando un mundo máis real “con princesas valentes, nenos con dereito a chorar e mulleres donas das súas decisións”.

“Contos en lila” chega a Neda, froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través do Agadic, no marco do programa “Cultura no Camiño”, que busca dinamizar durante a tempada alta as localidades polas que pasan rutas de peregrinación.

Lea también

Puesta en marcha en Neda del programa sociocomunitario «Tecendo comunidade»

Abierta la inscripción en esta iniciativa de participación social para mayores. El Ayuntamiento de Neda …