O municipio oferta prazas na Aula Cemit e nos sete locais rurais para nenos de entre 8 e 12 anos durante o mes de xullo.
O Concello de Narón lanza un verán máis o programa municipal educativo INDI, Informática Divertida, unha iniciativa pensada para que os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos se acheguen ao mundo dixital de forma lúdica e creativa durante o mes de xullo.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Román Romero, subliñou o enfoque práctico e creativo da iniciativa: «Non se trata só de aprender informática, senón de que os rapaces descubran que coa tecnoloxía poden crear, inventar e traballar en equipo».
Baixo o formato de obradoiro matinal, de 10:00 a 13:30 horas, os participantes aprenderán a crear avatares e personaxes dixitais, a deseñar carteis e historias con ferramentas creativas, a facer cómics e pequenas animacións, e a resolver retos e xogos de pensamento lóxico.
O programa inclúe tamén un escape room tecnolóxico, iniciación á mecanografía, creación dun videoxogo sinxelo con bloques, nocións de seguridade en internet, experimentación con robótica e simuladores educativos, e a elaboración dun proxecto final en equipo. O programa impartirase tanto na Aula Cemit como nos sete locais sociais do municipio —San Xiao, Sedes, Pedroso, San Mateo, Castro, O Val e Doso—, con idéntico horario e contido en todos eles.
A Aula Cemit oferta 15 prazas, mentres que cada local social disporá de 10. Para participar nas sesións da Aula Cemit, as persoas interesadas deben presentar a súa solicitude a través do Rexistro do Concello de Narón ou da Sede Electrónica —onde as instancias estarán dispoñibles no apartado de actividades: https://bit.ly/3QkoF5G—.
O prazo de inscrición abre o luns 15 de xuño dende as 8:30 horas, e pecha o 22 de xuño ás 13:00 horas. Para os locais sociais, as persoas interesadas deben dirixirse directamente a cada entidade. Máis información no teléfono 981-337700, extensión 1502.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

