Aberta a inscrición nas Acampadas intermunicipais de Vilarbó, con descontos para a rapazada de Neda

A Escola de Tempo libre Néboa, con sede na Muchiqueira, estará á fronte, un ano máis, durante o mes de xullo das tradicionais Acampadas intermunicipais na Natureza en Vilarbó (As Pontes). A colaboración do Concello de Neda coa entidade permitirá ás familias do municipio acceder a pequenos descontos no prezo dos campamentos. O prazo de inscrición está aberto.

A iniciativa espreme ao máximo as posibilidades que oferta a contorna natural de Vilarbó, na cola do encoro da Ribeira, dentro das Fragas do Eume, para configurar unha oferta de lecer atractiva e variada. Así, durante a estancia, os menores participarán en actividades deportivas, medioambientais, e culturais adaptadas ás súas idades. Xogos acuáticos e propostas como remo, canoa ou sendeirismo forman parte desta oferta de lecer.

Segundo informan dende Néboa, do 3 ao 13 de xullo será a quenda do campamento “Multiaventura”, destinado á rapazada de  12 a 17 anos. E do 23 ao 30, chegará “Robinson”, deseñado para o público infantil de entre 7 a 11 anos. Os nedenses terán dereito a un desconto de 20 e 31 euros, respectivamente, no prezo final da acampada.

O prazo para anotarse estará aberto ata o 23 de xuño no caso do campamento xuvenil e ata o 15 de xullo, no caso do infantil. A recollida e entrega de inscricións poderá facerse na sede de Néboa ou ben no propio Concello. O 27 de xuño haberá unha xornada informativa na Casa da Cultura.

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …