Coa vista posta na celebración da noite máxica de San Xoán e máis da festividade de San Pedro, o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, vén de ditar un bando coas limitacións que deberán observar as persoas organizadoras as luminarias para garantir a seguridade nas noites do 23 e do 28 de xuño.
Co obxectivo de minimizar riscos e “garantir a seguridade das persoas e bens”, o bando recolle toda unha serie de condicións esixibles a todas e cada unha das fogueiras que se realicen no municipio nesas datas de celebración.
Así, en primeiro lugar, establécese que non poderán superar os 4 metros de diámetro nin os 3 de altura. Ademais, terán que gardar unha separación mínima de 15 metros dos inmobles, árbores e demais obxectos próximos que poidan resultar danados.
Prohíbense baixo tendidos eléctricos ou telefónicos e, como non podía ser doutro xeito, nos arredores de almacéns de produtos inflamables. E igualmente prohíbese a queima de pneumáticos, gomas, plásticos, aceites e, en xeral, calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos, así como botar ao lume materiais inflamables.
Detalla o bando, que conclúe co desexo para toda a veciñanza de rexedor municipal dunhas boas xornadas de lecer na compaña de familiarese amizades, que se a fogueira se sitúa sobre terreos de uso público pavimentados, protexerase o chan cunha capa de area de 10 centímetros, en toda a superficie da luminarias.
Finalmente indica que, ao remate da cacharela, e antes de abandonar a zona, os/as membros da organización “coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas” debendo garantir que “ao día seguinte da celebración todo quede nas debidas condicións de limpeza e orde”. Os organizadores serán responsables dos danos que puideran ocasionarse.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
