A cita está organizada pola Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra co apoio do Concello de Valdoviño, e nesta edición, a participación medra de forma espectacular.
Valdoviño celebra este sábado 13 de xuño a VII edición da súa Xuntanza de Palilleiras e Multilabores. Será, sen dúbida, un encontro multitudinario, xa que máis de 450 artesás se darán cita no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, escenario do evento.
A participación medra de forma espectacular respecto ao pasado 2025, cando se reuniron sobre 350 palilleiras. Segundo avanzaba Charo Guerra, presidenta da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, que organiza a xuntanza co apoio do Concello de Valdoviño, as participantes proceden de toda Galicia, ademais doutras comunidades como Asturias ou Castela e León.
Deste xeito, a cita convertarase nun inmellorable escaparate turístico para o municipio, e brindará a oportunidade a veciños e visitantes de achegarse á tradición.
O pavillón abrirá as súas portas contra as 10:30 h, e xa sobre as 11:30 horas, terá lugar a inauguración oficial coa presenza do alcalde, Alberto González. Comezarán as demostracións en directo e o recinto acollerá durante toda a xornada unha exposición con traballos de bordado, bolillos ou pintura realizados nas clases que organiza a asociación no local social de Montefaro ao longo do curso.
Ademais, a mestra artesá Ana Rosa Lista, da Escola Obradoiro Ana Rosa Lista, contará cun espazo expositor onde o público poderá apreciar algunha das súas creacións, auténticas obras de arte. Os postos de venda regresarán tamén ao encontro, con produtos artesáns e material para facer labores, e xunto a eles, a delegación de Manos Unidas en Valdoviño estará presente cun punto informativo e de venda de merchandising solidario.
Ás 13:30 horas, haberá un descanso para o xantar, e a xuntanza retomarase xa ás 16:00 horas. Media hora máis tarde, o público poderá desfrutar da actuación en directo do grupo local Los Nostálgicos. Tamén pola tarde celebrarase o sorteo de agasallos, e a cita clausurarase sobre as 19:00 horas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
