Cedeira invita aos colexios da contorna a ir probar de xeito gratuíto o parque multiaventura do Campo da Armada

O Concello de Cedeira invita aos colexios da contorna a ir probar de xeito gratuíto o parque multiaventura do Campo da Armada. No Mirador dos Carrís está a ultimarse a adecuación de 60 vías de escalada.

O Concello de Cedeira, que habilitou hai uns cinco anos a primeira vía ferrata de Galicia, a Senda do Santo, fai agora unha nova aposta polo turismo activo coa instalación dunha escola de escalada no Mirador dos Carrís e co equipamento dun parque de aventura no Campo da Armada. As tres instalacións van configurar unha oferta singular e única para o ocio no corazón da Capelada, dentro do Xeoparque Cabo Ortegal.

O parque de aventura do Campo da Armada, bautizado agora como “Senda Park”, puxérase en marcha hai algúns anos, porén agora o Concello fixo un novo investimento de 14.000€ que permitirá impulsar este destino, pensado para que nenos a partir de oito anos -sempre con máis de 1,30m de estatura- camiñen entre grandes árbores servíndose das pontes colgantes, cordas, poleas e tirolesas que configuran o itinerario.

Coa colaboración da empresa de ocio activo local Orixen Action, instaláronse entre os eucaliptos un total de 12 xogos e unha liña de vida que percorre todo o circuíto.

Para a posta en marcha, as árbores nas que se apoian os elementos pasaron unha inspección fitosanitaria, mentres que a liña de vida e todas as instalacións superaron tamén a preceptiva revisión.

Coa finalidade de dar a coñecer o parque de aventura do Campo da Armada, o Concello de Cedeira invita a acudir, de xeito gratuíto, aos colexios da contorna. Os grupos escolares interesados poden poñerse en contacto con Daniel Pérez, de Orixen Action, no número 658 94 07 13.

Tamén está a piques de rematar a instalación dunha escola de escalada no Mirador dos Carrís. Alí, un técnico da Federación Galega de Montaña está a supervisar a instalación de 60 vías, é dicir, 60 itinerarios polos que ascender pola parede de roca, con maior ou menor nivel de dificultade.

A día de hoxe en Galicia hai poucos lugares nos que estean habilitadas tantas vías, polo que desde o Concello de Cedeira agardan que este lugar se convirta nun polo de atracción para persoas de toda a comunidade que sexan afeccionadas a este deporte ou que queiran iniciarse nel.

Neste caso, o Concello de Cedeira investiu máis de 11.000€ na compra do material para o Mirador dos Carrís. Actualmente se está a completar a instalación e a verificarse o cumprimento de todas as condicións de seguridade.

Para o uso de todos estes elementos, o Concello de Cedeira vai proceder como no caso da vía ferrata Senda do Santo. A administración local publicará un reglamento de uso, no que se determinará quen pode empregalas pola súa conta -deportistas con licencia federativa en vigor- e as condicións que terán que cumprir as empresas para utilizalas na organización de actividades.

Cómpre apuntar que recentemente o Concello repuxo algunhas indicacións da vía ferrata Senda do Santo. Arredor de 3.000 persoas están a percorrer este itinerario pola serra da Capelada cada ano, o que confirma o éxito da aposta de Cedeira polo turismo activo.

Lea también

Solicitan el decomiso del coche de un vecino de Mugardos, investigado 13 veces por conducir sin carnet

La Guardia Civil investiga a un vecino de Mugardos, de 48 años de edad, como …