Tal e como establece a convocatoria, a Administración local solicitará á Oficina de Emprego de Ferrol currículums para cubrir as prazas.
O Concello de Valdoviño publica no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria e bases específicas para a contratación de catro peóns forestais durante 9 meses a xornada completa con cargo á liña de axudas para o emprego no medio rural (Aprol Rural) da Xunta.
A selección realizarase a través da fase de oposición (proba práctica); as súas funcións centraranse fundamentalmente na limpeza de montes e xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, e o salario bruto será de 1.424,50 euros/mes por todos os conceptos.
Tal e como establece a convocatoria das subvencións da Xunta coa que se financiarán as contratacións, o Concello dará publicidade ao proceso e ás bases de selección a través da web municipal, taboleiro de anuncios e BOP, e solicitará CVs á Oficina de Emprego de Ferrol.
Esta realizará unha sondaxe de demandantes entre as persoas inscritas, tendo preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, e se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral. Así as cousas, a admisión de candidatos coincidirá coa selección realizada polo Servizo Público de Emprego, que presentarán instancias no rexistro xeral do Concello para a participación neste proceso selectivo.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
