A Semana dos Xeoparques Europeos ofrece unha ruta polo Aceiteiro, en San Sadurniño

A programación da XII Semana dos Xeoparques Europeos fará parada este domingo 7 en San Sadurniño cunha ruta polo regato do Aceiteiro centrada no coñecemento da flora dos ecosistemas fluviais.

A actividade estará conducida por Silvia Caffaro, enxeñeira agrónoma e propietaria dos Viveiros Florgalicia, lugar onde se iniciará o percorrido ás 10:00 horas. As persoas participantes aprenderán durante aproximadamente hora e media de andaina a identificar especies vexetais propias destes hábitats, coñecerán as principais ameazas que afrontan e descubrirán boas prácticas para gozar do medio natural contribuíndo á súa conservación. A ruta ambiental é gratuíta pero require inscrición previa a través desta ligazón.

Os ecosistemas asociados aos ríos e regatos constitúen algúns dos espazos de maior riqueza ambiental do Xeoparque Cabo Ortegal. Co obxectivo de achegar ao público o seu valore natural, a ruta permitirá percorrer un treito do rego do Aceiteiro mentres se descobren as características da vexetación que medra nestes ambientes húmidos e a función que desempeña na conservación da biodiversidade.

Durante o itinerario, Silvia Caffaro explicará como distinguir as especies autóctonas doutras plantas que adoitan expandirse en zonas alteradas pola actividade humana. Ademais, abordaranse as principais ameazas que afectan aos ecosistemas fluviais e a importancia de preservar estes corredores naturais, fundamentais para a conectividade ecolóxica e a calidade ambiental do territorio.

A actividade terá tamén unha compoñente práctica e educativa. As persoas asistentes recibirán indicacións sobre as normas básicas para transitar por espazos naturais minimizando o impacto sobre a fauna, a flora e o propio entorno. Neste sentido, recoméndase acudir con calzado cómodo e seguro, roupa axeitada ás condicións meteorolóxicas, levar auga e algún alimento lixeiro, así como unha pequena libreta e un bolígrafo para anotar observacións. A organización lembra que non está permitido asistir con cans.

punto de encontro estará situado no Camiño Arriba, desde onde partirá o grupo ás 10:00 horas. A ruta presenta unha dificultade media e está pensada para persoas interesadas en coñecer con maior profundidade os valores naturais do municipio e do territorio que integra o Xeoparque Cabo Ortegal.

A Semana dos Xeoparques Europeos é unha iniciativa que se celebra cada ano nos territorios que forman parte da Rede Europea de Xeoparques co propósito de divulgar o patrimonio xeolóxico, natural e cultural destes espazos recoñecidos pola UNESCO.

No marco desta edición, o Xeoparque Cabo Ortegal organizou ata este domingo numerosas actividades divulgativas e de lecer nos distintos concellos do territorio. Todas son gratuítas, aínda que requiren reserva previa a través da páxina web da empresa colaboradora local geoviajesortegal.com.

Lea también

Este martes, inauguración oficial de la muestra «Imágenes de la Historia», en el Museo Naval de Ferrol

En el Museo Naval de Ferrol se ofrece una magnífica exposición, «Imágenes de la Historia» …