O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, venres 29 de maio, que o proxecto piloto de cribado de cancro de próstata permitiu detectar 84 casos en Galicia e fixo un chamamento á participación da poboación nesta iniciativa.
O titular da carteira sanitaria interveu na inauguración do XXXV Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía.
Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia foi a primeira comunidade do Estado en poñer en marcha,hai dous anos, na área sanitaria de Ferrol, esta iniciativa piloto dirixida aos homes de entre 50 e 69 anos, que está integrada no proxecto europeo PRAISE-U.
O máximo responsable do Sergas incidiu en que a especialidade de uroloxía é a quinta con maior volume de actividade en Galicia, posto que, só no pasado ano, superáronse as 20.700 intervencións cirúrxicas.
Este volume asistencial acompáñase dun proceso de transformación da especialidade, que avanza cara a un modelo máis preciso, personalizado e menos invasivo, no que a innovación tecnolóxica e mellora dos resultados clínicos son elementos clave.
A este respecto, o Sergas foi pioneiro na implantación da cirurxía robótica en rede, que permitiu realizar xa preto de 4.000 intervencións urolóxicas con tecnoloxía de vangarda.
Novas ferramentas e vías rápidas
O departamento sanitario galego tamén está a avanzar na incorporación de novas ferramentas diagnósticas e terapéuticas, como a aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico urolóxico, co obxecto de mellorar a precisión na detección de lesións malignas.
Outro avance destacado polo conselleiro é a produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado.
Todo isto complétase -proseguiu o titular de Sanidade- cunha rede de vías rápidas oncolóxicas xa consolidadas, con circuítos específicos para próstata e vexiga, que axudan a reducir de xeito significativo os tempos de espera, garantindo unha resposta áxil. Neste senso, preto de 4.500 pacientes foron atendidos o pasado ano na vía rápida oncolóxica de próstata, con só 5,6 días de espera media.
Gómez Caamaño finalizou a súa intervención facendo un chamamento á concienciación da poboación para que participe nos cribados e expresando o seu agradecemento á Sociedade Galega de Uroloxía e á súa presidenta, Elena López, polo seu traballo.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
