Os novos operarios comezaban esta semana a súa actividade.
O Concello de Valdoviño vén de reforzar o persoal do departamento municipal de Obras e Servizos coa incorporación de 4 peóns e 1 albanel contratados ao abeiro da liña de axudas provinciais PEL Concellos 2026.
Tras o procedemento aberto pola Administración local, os operarios, que prestarán os seus servizos durante 5 meses a xornada parcial, comezaban esta semana a súa actividade en varios puntos do municipio e con diferentes tarefas asignadas. Entre outras, labores de desbroce na contorna da escola unitaria de Taraza e retirada de area acumulada no estacionamento próximo á praia do Río, en Meirás; o arranxo do peche da piscina municipal de Lago, ou desbroces na contorna da praia de Pantín.
O Concello conta cunha subvención de 43.000 euros procedente da Deputación da Coruña para financiar os contratos, e nas próximas xornadas, sumará outros catro peóns que contratará no marco do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo procedente da Consellería de Emprego. Neste caso, para realizar tarefas ligadas á prevención de incendios forestais, protección e mantemento dos espazos naturais do municipio mediante traballos de limpeza forestal, protección e conservación da riqueza biolóxica natural.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
