O Concello das Pontes organiza o próximo 3 de xuño de 2026 unha charla informativa baixo o título “Terra Agraria e Xestión do Territorio”, unha iniciativa orientada a achegar á veciñanza información práctica, útil e actualizada sobre os principais instrumentos de mobilización de terras e xestión do territorio rural en Galicia.
A actividade desenvolverase ás 19:00 horas na Casa Dopeso e está aberta a todas aquelas persoas interesadas na realidade actual do rural galego, especialmente propietarios de parcelas, persoas vinculadas ao sector agrario e gandeiro, emprendedores do medio rural e cidadanía en xeral.
A xornada nace co obxectivo de ofrecer unha visión clara e accesible sobre os recursos e ferramentas existentes para facilitar o aproveitamento produtivo da terra, promover a ordenación do territorio e favorecer a dinamización económica e social do rural. Nun contexto marcado polo abandono de parcelas, o avellentamento da poboación e a necesidade de impulsar novos usos sostibles da terra, o Concello considera fundamental crear espazos de información e asesoramento que acheguen solucións reais ás necesidades da veciñanza.
Durante a charla abordaranse cuestións clave relacionadas coa mobilización e acceso á terra, explicando as posibilidades existentes para poñer parcelas en produción ou facilitar o acceso a persoas interesadas en desenvolver proxectos agrarios. Tamén se ofrecerá información sobre o funcionamento do Banco de Terras e doutras ferramentas de xestión territorial, así como sobre aspectos técnicos e administrativos vinculados ao SIGPAC e á súa relación coa Política Agraria Común (PAC).
Outro dos bloques centrais da sesión estará centrado na seguridade xurídica, analizando cuestións relacionadas coas cesións de uso, contratos e diferentes fórmulas legais que permiten garantir unha xestión segura e ordenada das parcelas rústicas. O enfoque da actividade será eminentemente práctico e adaptado á realidade actual do rural galego, co propósito de resolver dúbidas frecuentes e ofrecer orientación directa ás persoas asistentes.
Na charla intervirán Valentín González Formoso, alcalde das Pontes de García Rodríguez, e Alejandro Martínez, da Oficina Rural, quen compartirán coñecementos e experiencias sobre os retos e oportunidades vinculados á xestión territorial e ao aproveitamento da terra agraria.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

