II Torneo Cidade de Narón de Hockey Patíns

O Concello de Narón acolleu a presentación oficial do II Torneo Cidade de Narón de Hockey Patíns, un evento organizado por Hockey Narón coa colaboración do Padroado de Deportes que terá lugar o próximo sábado 6 de xuño no Pavillón do Val.

Arquivo.-Fuente Concello de Narón
Ao acto asistiron a alcaldesa de Narón, o edil de Deportes, Ibán Santalla, Verónica Ramos, presidenta de Hockey Narón, e Ibán López, membro tamén da directiva.
 
O torneo dará inicio ás 10:00 horas e congregará a sete clubs —Hockey Narón, Hockey Club As Pontes, Compañía de María, Hockey Oroso, Traviesas Hockey Club, SD Ponferradina Hockey e Laredo Club de Hockey— con máis de 180 xogadores e xogadoras nas categorías Escolas, Benxamíns e Infantís.
 
 
Unha das novidades desta edición é a inclusión dun partido da categoría benxamín feminino, reforzando o compromiso do club co desenvolvemento do deporte feminino de base. «Dende o Concello estamos moi orgullosos de apoiar un torneo coma este, que pon en valor o traballo diario dun club que leva anos sendo referente do hockey patíns en Narón. Ver a máis de 180 nenos competir aquí, no Pavillón do Val, é a mellor mostra de que o deporte de base é o futuro», declarou o edil de Deportes, Ibán Santalla.
 
Pola tarde disputarase un partido sénior internacional entre CDM Hockey Patines e o Infante de Sagres, de Porto, pero a xornada non se limitará á competición deportiva. Ao mediodía haberá pulpeiro do Carballiño no Ambigú de Chelo, na AVV Irmandiños do Val, que permanecerá aberto todo o día, e unha food truck de pizzas artesás diante da asociación.
 
Trala entrega de trofeos e medallas, prevista para as 21:00 horas, a cita dará paso aos sorteos e tamén ao concerto do grupo local Keepers, que veñen de ser recoñecidos cun Premio Martín Códax da Música.
 
Hockey Narón e o Padroado de Deportes convidan á veciñanza a achegarse ao Pavillón do Val e gozar dunha xornada de deporte base, convivencia e ambiente familiar. A entrada é de balde.
 
 

Lea también

Tras dos días de parón la competición ha vuelto al Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026

El empuje del oleaje de componente oeste de más de un metro de altura ha …