O proxecto, desenvolvido entre 2025 e 2026, reforzou a capacitación profesional, a seguridade no mar e o relevo xeracional.

A Confraría de Pescadores de Cedeira fai un balance positivo do programa formativo desenvolvido ao longo das anualidades 2025 e 2026, unha iniciativa orientada a mellorar a cualificación profesional no sector marítimo-pesqueiro e a favorecer a incorporación de novos perfís.
No marco deste programa leváronse a cabo un total de catro accións formativas, dirixidas tanto a profesionais do mar como a persoas interesadas en iniciarse no sector. As formacións abrangueron ámbitos clave como a capacitación básica para o exercicio da actividade pesqueira, a obtención de titulacións profesionais e a seguridade marítima.
En conxunto, o programa permitiu formar a un número significativo de persoas, contribuíndo á mellora das competencias profesionais, ao incremento da seguridade laboral e á promoción dun sector estratéxico para o desenvolvemento económico local. A combinación de contidos teóricos e prácticos, así como a orientación das accións ás necesidades reais do sector, favoreceron unha formación útil, accesible e adaptada ao contexto actual do ámbito marítimo. Desde a Confraría de Pescadores de Cedeira destacan que “a formación é fundamental para garantir o futuro do sector, mellorar a empregabilidade e impulsar o relevo xeracional, especialmente nun contexto no que resulta necesario atraer novos profesionais”.
Ademais, o programa contribuíu a reforzar valores como a igualdade de oportunidades, a inclusión e a promoción da participación no sector, facilitando o acceso á formación a diferentes perfís da poboación.
O proxecto “Accións formativas e promoción da Confraría de Pescadores de Cedeira” enmárcase na estratexia de desenvolvemento local participativo do GALP A Mariña-Ortegal e está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, coa colaboración da Xunta de Galicia.
Como peche desta iniciativa, a Confraría continuará traballando na identificación de novas necesidades formativas, co obxectivo de seguir impulsando accións que contribúan á profesionalización, sustentabilidade e continuidade do sector marítimo-pesqueiro en Cedeira e na súa contorna.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.