A Deputación da Coruña licita o subministro de balizas para sinalizar a ruta costeira de Valdoviño

O itinerario, que percorre o municipio de norte a sur, dábase a coñecer durante a Semana Santa cunha ruta guiada pola firma Portal Norte.

A Deputación provincial da Coruña vén de sacar a licitación o subministro de postes de baliza para sinalizar a ruta costeira de Valdoviño, un itinerario continuo que percorre a localidade de norte a sur, dende Porto do Cabo, en Vilarrube, ata a praia de Campelo, en Meirás, seguindo a franxa litoral. Precisamente, o Concello promocionaba este percorrido cunha ruta guiada en 3 etapas pola firma Portal Norte durante a Semana Santa.

O itinerario combina sendas naturais, camiños tradicionais, tramos de cantís e areais, e permite desfrutar de magníficas panorámicas da costa, pasando por algúns dos lugares máis impresionantes de Valdoviño. Facer recoñecible o percorrido, mellorando a orientación das persoas usuarias é un dos obxectivos deste contrato, que recolle un investimento de 4.794,75 euros.

Con carácter xeral, a actuación comprende: A subministración de postes de baliza lonxitudinais cunha media aproximada de 2 balizas por quilómetro -uns 80 elementos-. Aproveitamento de postes de baliza xa existente nos tramos compatibles. Definición e sinalización de variantes ciclables nos tramos estritamente peonís.

A impresión ou colocación de calquera simboloxía adicional, como indicadores de direccións ou monumentos, será responsabilidade da Deputación da Coruña e Concello de Valdoviño e non está incluída neste contrato. Os pregos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público, e as empresas poden presentar oferta ata o 27 de maio.

A intervención está incluída na actuación 2.2 do Plan de Sostibilidade Turística en Destino: Centro histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU_PSTD CENTRO HISTÓRICO DE FERROL E PATRIMONIO MILITAR DA COSTA ÁRTABRA (E2-A2.2); en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.

Lea también

El Teatro Jofre de Ferrol acoge este jueves un concierto especial de la Unidad de Música del Tercio Norte

Con motivo del día de la Fiesta Nacional del 12 de octubre, las Unidades de …