O Concello das Pontes vén de adxudicar a obra “Mellora de pavimentos e servizos na avenida de Lugo, entre os números 1 e 19”, con cargo ao POS da Deputación da Coruña, cun orzamento de 207.862,90 euros.
A actuación permitirá avanzar na humanización dunha das principais vías de acceso ao centro urbano, mellorando a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos nun tramo estratéxico da Avenida de Lugo.
O proxecto contempla a eliminación do desnivel existente entre a calzada e as beirarrúas, favorecendo a accesibilidade universal, así como a renovación dos pavimentos tanto na zona de circulación como nas beirarrúas e áreas de aparcamento. Nos pasos de peóns instalarase pavimento táctil adaptado para persoas con discapacidade visual.
No ámbito das infraestruturas, a obra inclúe a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento, coa execución dun novo colector de pluviais e a renovación da rede desaneamento nos tramos necesarios, mellorando a eficiencia e o funcionamento dos servizos municipais.
Tamén se actuará sobre o alumeado público, recolocando as farolas existentes, reforzando a iluminación nos pasos de peóns e incorporando nova iluminación LED de alta eficiencia, así como sinalización luminosa para aumentar a seguridade viaria.
A intervención completarase coa renovación da sinalización viaria, a instalación de novo mobiliario urbano —bancos, papeleiras e xardineiras— e o transplante da arborado existente, garantindo a súa conservación.
Durante a execución das obras, o Concello adoptará as medidas necesarias para compatibilizar os traballos coa circulación de vehículos e peóns, mantendo o acceso a vivendas e establecementos comerciais en condicións de seguridade.
Con esta actuación, o Concello das Pontes continúa a apostar pola mellora dos espazospúblicos e pola creación dunha vila máis accesible, segura e amable para a veciñanza.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
