O encontro reunirá este mércores a preto de corenta participantes no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela.

A Deputación da Coruña celebrará mañá mércores, 13 de maio, o IV Encontro de Axentes de Igualdade, unha cita que converterá o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, nun espazo de encontro, reflexión e intercambio sobre as políticas públicas de igualdade no ámbito local.
A xornada, que se desenvolverá entre as 9:30 e as 14:30 horas, reunirá preto de corenta técnicos e técnicas de entidades locais implicado no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de igualdade, co obxectivo de avanzar cara á creación dunha Rede Provincial de Concellos pola Igualdade e a Diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas.
O encontro abrirase coa benvida institucional da deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, e continuará cunha dinámica de presentación e activación das persoas participantes baixo o título ‘Quen somos nesta rede posíbel?’.
A partir das 10:00 horas desenvolverase unha conversa inspiradora centrada en experiencias de colaboración intermunicipal e traballo en rede no ámbito da igualdade e da diversidade sexual e de xénero. Participarán Eukene de Miguel, da rede Berdinsarea —Rede de municipios vascos pola igualdade de homes e mulleres e contra a violencia machista—; Luna Martinicorena, da Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia de Navarra; Lucía Canoura, coa experiencia ‘De Faro a Faro’ da comarca de Ortegal; e Marta Piñeiro, do Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio das Mariñas.
Tras a pausa café, a xornada continuará cun espazo participativo centrado no deseño da futura rede provincial. A dinámica ‘Imaxinando unha Rede Provincial pola Igualdade’ buscará explorar, contrastar e recoller propostas das persoas participantes para avanzar nun modelo de colaboración estábel entre concellos da provincia.
Sol Agra destaca que este encontro «pretende fortalecer os vínculos entre profesionais e favorecer procesos de cooperación que permitan reforzar as políticas públicas de igualdade desde o ámbito local, compartindo recursos, experiencias e estratexias comúns».
A actividade está deseñada e facilitada polos equipos de Rexenerando S. Coop. Galega e Arabías S. Coop., que acompañan a Deputación neste proceso de impulso e fortalecemento das políticas de igualdade no territorio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.