Xornada de participación xuvenil en Narón con propostas sobre benestar, ocio e mobilidade

O Café-Teatro do Pazo da Cultura de Narón reuniu este venres a alumnado de distintos centros educativos nun novo encontro do Espazo Intercentros de Participación xuvenil do curso 2025-2026 no que participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro.
 
 
Nesta primeira sesión do comité, que continúa cunha segunda o próximo venres, tivo voz estudantado do CPR Jorge Juan, do IES As Telleiras e do CPR Ayala, que traballaron de forma conxunta na elaboración de propostas dirixidas ao Concello de Narón. A xornada desenvolveuse entre as 10.30 e as 13.30 horas cunha metodoloxía participativa estruturada en dinámicas de presentación, traballo en grupos temáticos e construción de propostas colectivas.
 
O obxectivo foi identificar necesidades compartidas e transformalas en iniciativas concretas para trasladalas posteriormente ás representantes políticas municipais. As achegas do alumnado organizáronse arredor de catro bloques principais: mellora da autonomía para a mobilidade, creación de espazos de ocio, promoción da saúde física e mental e preparación para o futuro. No ámbito da mobilidade, as propostas incidieron na falta de autonomía da mocidade para desprazarse por Narón, especialmente en zonas rurais.
 
 
Entre as ideas expostas figuran a ampliación das liñas de transporte público, a mellora dos carrís bici e da conexión entre parroquias e mesmo a incorporación de bicicletas eléctricas como alternativa de mobilidade sostible.
 
No relativo ao ocio, o alumnado reclamou espazos propios de encontro, seguros e accesibles, con actividades variadas. Suxeríronse locais municipais para a mocidade con zonas de descanso, xogos de mesa, videoxogos ou música, así como a recuperación e mellora de espazos urbanos e naturais como puntos de reunión. A terceira liña de traballo centrouse na saúde física e mental.
 
As propostas inclúen desde a creación de parques de calistenia a mellora nas instalacións deportivas existentes, construción de novas infraestruturas como pistas de fútbol sala ou piscinas, e o impulso de actividades deportivas ao aire libre e eventos como carreiras solidarias. O deporte foi definido polo propio alumnado como unha ferramenta de socialización e benestar emocional, ademais dunha vía de escape fronte ao estrés académico.
 
No eixo de preparación para o futuro, o alumnado reclamou máis formación práctica sobre cuestións da vida cotiá, como xestión económica, acceso ao emprego ou habilidades domésticas. Tamén propoñen charlas periódicas con profesionais e antigos estudantes, co obxectivo de achegar experiencias reais ao ámbito educativo.
 
 
Un dos elementos centrais da sesión foi a elaboración de propostas conxuntas a partir das ideas dos distintos grupos, buscando puntos en común e sinerxías entre centros. As conclusións foron presentadas por portavoces escollidos polo propio alumnado ante as representantes municipais.

Lea también

“As nosas tradicións” regresa ás escolas infantís de Narón cun novo folleto dos Maios ao San Xoán

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón retoma este mes de maio …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *