A Administración local organiza un percorrido guiado polos novos itinerarios só para os responsables dos negocios locais.
Coa firme convicción de que os profesionais do sector servizos son dos mellores embaixadores do municipio, o Concello de Valdoviño organiza unha ruta guiada polas Ferrerías e O Funil só para eles e elas.
O obxectivo é continuar dando a coñecer os itinerarios habilitados recentemente na zona, nesta ocasión a responsables de aloxamentos, restaurantes, casas de comidas, empresas de ocio activo… aqueles e aquelas que están máis preto dos turistas, de modo que estas rutas poidan converterse nunha recomendación na axenda de viaxe ou visita.
Así, a iniciativa celebrarase o vindeiro martes 19 de maio, ás 10:00 horas -fuxindo da fin de semana, cando máis carga de traballo ten o sector-. Estará guiada pola firma Portal Norte, acreditada co selo do Xeoparque Cabo Ortegal, e encargada do mantemento durante todo o ano do sendeiro equipado das Ferrerías, un proxecto diferenciador do municipio en toda Galicia.
A inscrición está aberta, escribindo un whatsapp ao número 648 87 77 80, dende xa e ata o venres 15. É de balde.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
