A DXT sitúa a Narón como modelo en educación viaria nas xornadas sobre seguridade peonil da Coruña

A Policía Local de Narón participou este martes nas xornadas “Peóns e seguridade viaria”, organizadas pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) na Domus da Coruña, un encontro que reuniu a responsables institucionais e forzas de seguridade para abordar estratexias de protección dos peóns.

O acto contou coa presenza do director xeral da DXT, Pere Navarro; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o edil de mobilidade, José Oreona, entre outras autoridades, ademais de representantes da Garda Civil e de distintos corpos de Policía Local.

Durante a inauguración, Pere Navarro citou e destacou o papel de Narón como “referente en seguridade viaria”. O responsable estatal puxo en valor iniciativas como a organización das Olimpíadas escolares de educación viaria e a proxección internacional do modelo educativo naronés, que xa foi compartido con outros países.

A experiencia do municipio foi exposta na sesión 4 das xornadas, centrada en exemplos de cidades galegas. Nela participaron a axente Sonia López, responsable do departamento de seguridade viaria da Policía Local de Narón, e o oficial José Antonio Carballido.

Na súa intervención, Sonia López detallou o conxunto de accións que se desenvolven en Narón para fomentar unha cultura de mobilidade segura desde idades temperás. Entre elas destacou o programa “Pegadas Seguras”, orientado a promover desprazamentos a pé seguros nas contornas escolares; a instalación de circuítos de educación viaria nos centros educativos; ou a celebración das Olimpíadas escolares, unha iniciativa consolidada que combina formación teórica e práctica para o alumnado.

Pola súa banda, José Antonio Carballido centrou a súa exposición nas medidas urbanísticas e de ordenación do tráfico postas en marcha no municipio para mellorar a seguridade dos peóns. Entre elas salientou a redución da velocidade en vías urbanas, o reforzo da preferencia peonil, a mellora da sinalización e a instalación de elementos físicos como resaltos. Tamén explicou actuacións de deseño viario como aeliminación de atallos e do tráfico de paso, a introdución de xiros a noventa graos ou a colocación de sinais de stop, que contribúen a moderar a velocidade dos vehículos.

A participación de Narón neste foro reforza o recoñecemento ao traballo continuado do seu departamento de seguridade viaria, convertido nun modelo de referencia pola súa aposta pola educación e pola planificación urbana centrada nas persoas.

Lea también

Exponav acoge la exposición conmemorativa del III Centenario de la creación de los departamentos marítimos

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, junto al Almirante Jefe del Arsenal Militar …