
A asociación Solidariedade Galego co Pobo Saharaui (SOGAPS) solicitou ao Concello de Narón colaboración na difusión do programa Vacacións en Paz 2026 para reunir o maior número posible de familias acolledoras no municipio este verán.
O programa de SOGAPS ofrece cada ano a nenos e nenas saharauís dos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental, a posibilidade de pasar os meses de xullo e agosto en fogares galegos, lonxe das condicións extremas do deserto, con temperaturas que superan os 45 graos e recursos moi limitados. Durante a súa estadía reciben atención médica, alimentación equilibrada e o agarimo dunha familia.
Desde SOGAPS recordan que acoller non é adoptar. As familias que participan contan en todo momento co acompañamento e o apoio da asociación, que garante o seguimento do programa e resolve calquera dúbida ou incidencia.
O Concello de Narón fai seu o chamamento da SOGAPS. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, animou a veciñanza a informarse: «Trasladamos o seu chamamento á veciñanza de Narón porque cremos que aquí hai moitas familias dispostas a regalarlle un verán diferente a un neno ou unha nena que o necesita.»
As familias interesadas en participar no programa Vacacións en Paz 2026 poden contactar con SOGAPS no correo asociacionsogaps@yahoo.es ou no teléfono 669 078 725.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
