A formación, financiada polo FEMPA e a Consellería do Mar a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña Ortegal, reforza a capacitación profesional e a seguridade no sector pesqueiro.
A Confraría de Pescadores de Cedeira vén de concluír con éxito o curso de Formación Básica en Seguridade Marítima, desenvolvido entre o 20 de febreiro e o 5 de marzo no marco do seu programa formativo 2026. A acción contou cun total de 11 persoas participantes, das cales o 100% superaron con éxito a formación, acadando un elevado nivel de satisfacción. Estes datos reflicten o interese pola capacitación profesional no ámbito marítimo-pesqueiro e a importancia da formación en materia de seguridade no mar.
O curso, cunha duración total de 70 horas, combinou contidos teóricos e prácticos, permitindo ao alumnado adquirir competencias clave en supervivencia no mar, loita contra incendios, primeiros auxilios e seguridade persoal. Trátase dunha formación oficial, regulada polo Convenio Internacional STCW, imprescindible para o exercicio de actividades profesionais no sector marítimo.
Ao longo das sesións prácticas, o alumnado enfrontouse a situacións reais simuladas, reforzando a súa capacidade de resposta ante emerxencias e mellorando a súa preparación para o traballo a bordo.
Desde a Confraría de Pescadores de Cedeira destacan que “este tipo de iniciativas son fundamentais para garantir a seguridade no mar e mellorar a cualificación das persoas que desenvolven a súa actividade no sector, así como para facilitar a incorporación de novos perfís profesionais”.
Esta acción formativa forma parte do proxecto “Accións formativas e promoción da Confraría de Pescadores de Cedeira”, impulsado no marco da estratexia de desenvolvemento local participativo do GALP A Mariña-Ortegal e financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, coa colaboración da Xunta de Galicia.
Coa finalización deste curso, a Confraría continúa avanzando na súa aposta pola formación como ferramenta clave para o futuro do sector marítimo-pesqueiro en Cedeira, contribuíndo á profesionalización, á seguridade laboral e ao relevo xeracional no sector.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
