A troika mugardesa

Monica Fernández LinaresMónica Fernández Liñares é concelleira en Mugardos, en setembro do pasado ano deixou o grupo do BNG e pasou ao de non adscritos.

No seu blog publica unha interesante información en torno ao que denomina » a troika mugardesa» e que reproducimos .

«Esta entrada ten a finalidade de aclarar os intereses, que na miña opinión, teñen uns e outros no famoso «acordo» tripartito.

E parto dunha idea: Un pacto non é negativo se os intereses a defender son os comúns, e non os persoais.

Logo das eleccións municipais, o BNG tiña 4 concelleiros e chamou á porta do PSOE para negociar goberno ou gobernabilidade.  Aínda que con ese apoio non se chegaba á maioría (sumarían 6 concelleiros, e a maioría son 7), proporcionaba estabilidade. O PSOE dixo que non entrarían no goberno, pero podían dar apoios puntuais.
Non se falou con EU oficialmente (aínda que si houbo un achegamento oficioso), pois era de sobra coñecida a súa condición de non aceptar nada estando Barcia; e tampouco a número 2, esta concelleira, era do seu agrado. Non o digo eu, dixérono eles.
Tampouco se falou co PP. Aínda que deu apoios puntuais en anteriores lexislaturas, a unión BNG-PP non se consideraba.

Entre EU, PSOE e PP si houbo intensas negociacións, especialmente PP e EU, que evidentemente non frutificaron; pero visto o debate, escoitar a voceira de EU dicir que igual que fala co BNG podía facelo co PP, chégase á conclusión de que aquí de política, nada; interese polos veciños, tampouco. O único que lle importa é gobernar con quen sexa (que lle deixe gobernar, claro).
Porque no mesmo debate di que pacta co BNG para defender aos seus veciños dos recortes do PP.¿Pero para qué pacta? ¿podería pactar co PP para loitar contra os recortes do PP? ¿pacta co BNG para loitar contra os propios recortes do BNG no concello, que os hai?

Cegados por gobernar

Non, EU e BNG pactan porque os seus voceiros están cegados por gobernar

Pero volvamos analizar o miolo do acordo, que por fin, xa recoñecen:
¿Porqué, se EU se negaba a falar co BNG en maio de 2011, pacta agora coa forza nacionalista? É doado. Analicemos que cambiou dende entón.
Supoño que se sodes de Mugardos, xa todos oístes iso de que o alcalde marcha; a moitos mesmo volo terá dito el mesmo en primeira persoa…as datas son cambiantes, pero a mensaxe está aí. Ben, EU sabe que Barcia marcha (ou polo menos,iso é o que di).
Por outro lado, a número dous que non espertaba simpatías, tampouco está xa no BNG. Xa están fóra os dous primeiros.

¿Quen é o seguinte? O Sr. Bouza. A EU válelle. Coñéceo de sobra e ten un perfil de socio que gusta (na «intimidade» dos Plenos, incluso chamáballe Calimero): El figuraría, e a cambio «deixaría facer», ou sexa gobernar. A duración da unión é outra historia
E, ¿Porque o BNG agora pacta con EU? A Barcia o pacto non lle gusta, iso é evidente. Tomar café en público só é unha imaxe. Pilar xa foi » a por el» no seu momento (foi él quen o dixo, non eu), e volveu facelo agora coa complicidade de xente do seu propio equipo. Pero Barcia non pode ir estándose da man de Pilar, pois os agravios pasados non se esquecen. Así que en público todo parado, ata que Barcia anuncie a súa partida. «Estamosfalando» é un eufemismo como aquel do “cese temporal da convivencia matrimonial”.
Por outro lado, tampouco está a número dous. E non está porque o Alcalde o quixo así, e o Sr. Bouza tiña que romper o seu teito de cristal. Se Barcia se ía, a seguinte era eu. Outra vez unha rapaza con ideas propias interporíase entre a Alcaldía e Bouza. Pero este problema xa resolvérao máis veces, só había que aplicar a mesma fórmula.

¡Queroa fora!
Recordo a frase que lle dixo Bouza ao Alcalde referíndose a min: «quéroa fóra». El pensaba que me iría do Concello como as anteriores…Pero algo fallou, non entreguei a acta sinxelamente porque non é súa, e só me fun do goberno

O PSOE

E ¿o PSOE? ¿Que pasa co PSOE? Os socialistas, pois nin están nin se lles espera. Perdón, si. Agora están no pacto.
¿Porqué digo agora?: Antes, entre os 4 nacionalistas e os 3 de EU, sumaban a maioría necesaria de 7. Ao deixar o BNG esta concelleira e non entregar a acta, BNG- EU suman 6…. é entón cando EU se acorda do PSOE que necesita, e chama á súa porta. Socialistas que aínda non se decataron de que teñen a chave do goberno, de cómo gobernar, de que poderían cambialo todo se dan un paso adiante: Poderían esixir información, transparencia, coherencia, xestión responsable, cambios nos obsoletos modelos de administración, depuración de responsabilidades….e nada, pechan os ollos, levantan a man para votar o que lles din, e cobran sen molestarse o máis mínimo. A pasar, e rapidiño, que non queremos complicarnos a vida.

Mirade o número de rogos e preguntas feitos polo PSOE de Mugardos dende setembro en Plenos. Eles din que entregan propostas conxuntas co BNG e EU. Non. As propostas son de EU. Un día contareivos de onde saen.

En resumo. Este pacto é a culminación de intereses persoais, que non políticos. Que non nos enganen. Pero creo que o pacto é tan fráxil, que non sei se chegarán a asinalo publicamente nunca. Esta xente é capaz de separarse mesmo antes de unirse publicamente.

Debate televisivo
Falemos algo máis do debate televisado.

No debate din que soben os tributos porque levan sen subilos moitos anos.

Primeiro: O BNG tomou a decisión política de non o facer e presumiu diso en campaña.

Segundo: ¿Por que se soben os tributos se cos vixentes xa habían de recadarse máis de 170.000€ que non se recadan, só en taxas? E non o digo eu, o din as contas anuais de 2011 (derradeiro exercicio pechado, que non vos podo poñer de enlace, porque BNG-EU-PSOE votaron en contra de publicar as contas na web).
Non, non soben os tributos porque leven tempo sen subirse (que os impostos non se quedan obsoletos cos anos). Soben porque EU o pide: Revisión da fiscalidade. Necesitan diñeiro para facer as cousas que electoralmente conveñen.

Pagámolos todos, e eles reciben o agradecemento.
Cobrar agora o que non se vén cobrando supón un desgaste político grande (como lle explicas ao veciño que leva sen pagar a auga vai ti a saber canto tempo, que agora ten que facelo; ou o vao, ou a terraza, ou calquera outra cousa) pois doado, subo os impostos a todos, e así non se nota o que deixo de ingresar por outro lado.
Por suposto, hai xente que paga estes servizos. Son as vítimas da discriminación. Discriminación que nace da diferenza que os políticos fan cando aceptan, que por un mesmo servizo, uns paguen e outros non, sen xustificación aparente.

Todos teredes oído falar dunha das reivindicacións máis lóxicas e necesarias nesta crise económica, como é a loita contra a fraude fiscal. A sociedade pide loita contra a fraude fiscal, e o Goberno de Madrid fai oidos xordos, e responde con suba de impostos e amnistía fiscal aos defraudadores.

O BNG-EU-PSOE fan precisamente o  que critican
O goberno local de Mugardos e os seus socios fan exactamente o mesmo. ¿Para que o arduo traballo de xestionar e administrar ben? se subindo os impostos o teñen feito. BNG-EU-PSOE en Mugardos fan precisamente o que critican.
Eu pido que se recade o que xa estaba establecido, e así non sería necesario subir máis impostos nin taxas. Só é necesario que o goberno faga o seu traballo: xestionar ben, que é a súa obriga

Suba de taxas na escola

Outro exemplo do debate: Suba de taxas na escola infantil.
BNG-EU-PSOE din que as soben para que paguen máis os que máis teñen, para manter o servizo e para facer exentos máis usuarios. En resumo: xustiza social, protección do público e progresividade na ordenanza. Falso.

O que fixeron é unha suba de prezos aplicando un Decreto que non é de obrigado cumprimento. O resultado é que os pais/nais, que necesitan a gardaría, e aos que supostamente lles soben as taxas para que outros estean exentos, eses supostos «usuarios mantedores do servizo» acabarán deixando a gardaría por non a poder pagar (non o digo eu, o din os pais/nais nas súas alegacións, neste Pleno leo algunhas das súas alegacións), pero o exento seguirá acudindo. E ¿quen sosterá entón o servizo? Pois o Concello non, porque xa nos dixeron que subían as taxas porque era insostible.

As gardarías públicas son para conciliar a vida laboral e familiar de todos os que a necesiten e ha de ser sostida por todos os usuarios na medida que lles corresponda, e aos que non poidan facelo debe axudarlles o Concello. Esa carga, se a gardaría é municipal, debe sostela o concello, non os outros pais/nais.

Pregúntome porqué á xente da gardaría aplícaselle unha suba dun decreto da Xunta que non é obrigatorio, e en cambio, o Decreto da Xunta que regulaba as taxas do servizo de Axuda en Fogar (SAF) que tiñan que aplicarse obrigatoriamente dende 2009, non se aplicaba.
E agora analicemos ¿A quen non se aplicaba? ¿e por qué? ¿Supón menos esforzo ás familias pagar a gardaría que pagar o servizo de axuda a domicilio?.

En Mugardos, a taxa do SAF aplícase a dependentes recoñecidos, pero tamén á atención á prestación básica, isto é, persoas que non son dependentes, pero o Concello decide que requiren axuda para a limpeza ou facer a compra, ou algunha outra necesidade. E esa xestión, a da prestación básica, é exclusivamente municipal, é o Concello o que decide a quen atende e a quen non. ¿Será por iso que non se lles aplicou o Decreto que fixaba o límite das taxas durante case 3 anos, sendo obrigatorio?

A defensa prioritaria que se lle fai a un servizo, cando se recibe subvención polo mesmo, é cumprir os criterios que se marcan na subvención. Eso é defender un servizo. O outro, o de non respectar as normas en aras dun suposto progresismo son xogos perigosos. Pero claro, é facil para algúns xogar cos cartos dos veciños e cos servizos que non utilizan.

Aos que vistes o debate supoño que vos chamou a atención a cantidade de veces que se dixo que BNG-EU-PSOE soben os impostos para defender os postos dos traballadores do Concello. Por certo, tamén o fan, din, para loitar contra o paro.

Soben os impostos agora, para loitar contra o paro. Raro.
Xa sabes, veciño, se estas no paro e tes que pagar máis rodaxe, máis ibi, máis auga, máis escola infantil…. non sufras, falo para que outro, que igual nin vive en Mugardos, asegure o seu traballo no Concello (independentemente de cómo faga dito traballo, ¿o ten asegurado?).

Se es un parado de longa duración, tampouco te preocupes, «o acordo tripartito» chegou á conclusión de que se sobe os impostos aos veciños e ás empresas que xeran emprego no pobo, hai máis posibilidades de que traballes. Se tes sorte, con ese diñeiro, o Concello contratará xente e non sei, igual segundo como te apelides ou a quen votes, ao mellor poderías calcular as túas posibilidades de entrar a traballar.

Iso si, BNG-EU-PSOE rexeitaron a alegación ao Imposto de Actividades Económicas na que se propuña facer bonificacións ás empresas que xerasen emprego en función do número de postos de traballo xerados. Cito textualmente o que puña a alegación: empresas que “tiveran incrementado o promedio da sua plantilla de traballadores con contrato indefinido durante o período impositivo inmediatamente anterior ao de aplicación da bonificación, en relación co período anterior”.

¿É así como van traballar xuntos pola creación de emprego os membros do tripartito?

Lamentable intervención de Pilar Díaz

Comentario a parte, e máis extenso, merece a lamentable intervención da voceira de EU, Dª. Pilar Díaz, referíndose á baixa cualificación e formación profesional dos parados do noso concello. Falaremos diso outro día, porque o asunto merece unha profunda análise.

E quedábame no tinteiro outro asunto do debate; Cando o voceiro do PP dixo que houbo varias inspeccións e erros polas subvencións da Axuda no Fogar, non mentía.
Nesas subvencións non cadraban os números. Deran unha cantidade de gasto que non era xustificable (nunca entendín porqué), despois cambiaron a cantidade e ata o informe de intervención que se enviara á Xunta; aparecía xente como dependente que non o era…un sin fin de inexactitudes, no sei con qué obxectivo. E como a «trampa» foi detectada, a cantidade recibida en concepto de subvención foi rebaixada.

No caso de Mugardos, o problema da subvención para Servizo de Axuda no Fogar non son «recortes do PP aos rapaces malos da esquerda» senón por trampear e pedir o que non correspondía. Ao César o que é do César. E por iso, a outros concellos tamén gobernados polo BNG ou o PSOE non se lles recortou, porque non trampearon.

Son os riscos de non cumprir os criterios das subvencións.

E por certo, a defensa do voceiro do BNG foi que as xustificacións de subvencións as fan os técnicos; si, esas xustificacións de gastos as fan os técnicos, pero o goberno sabía que non estaban ben. Eu advertino e non se me quixo oir…. . Pero pregunto, ¿Foi iniciativa do técnico facelo así, ou de quen?. ¿Foi un «erro administrativo»?. ¿Cantos «erros administrativos» se cometeron?.

Vaia coa resposta do Sr. Bouza, deixando en evidencia aos traballadores nun asunto tan serio. ¿Esa é a defensa que vai facer dos traballadores?. Os traballadores fan o que se lles manda, e o que manda é o Alcalde, ¿non?.
Non hai máis que lembrar o escrito dos traballadores queixandose da ordes verbais que reciben do Alcalde, fai case dous meses,e que ainda non se lles respostou, ¿tamén defenden aos traballadores así?

 

Lea también

La familia de uno de los fallecidos en el accidente de Mugardos del pasado miércoles muestra su agradecimiento.

Tras el mortal y aparatoso accidente de tráfico ocurrido el pasado miércoles en el municipio …