Como vén sendo tradición, con motivo do Samaín se celebra unha sesión especial de contos de arrepío. Nesta ocasión achegarase Brais das Hortas, da compañía Charlatana, para ofrecer o seu espectáculo: “Contos de defuntos (e outros asuntos)”. Terá lugar o domingo, 26 de outubro ás 18:30 horas no local Social de Maiores (rúa Castelao / Telefónica).
Trátase dunha sesión chea de historias de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non era tan santa, de aparecidos e visións… De todas esas cousas que, en Galicia, sempre nos acompañan entre a vida e a morte, e das que nunca está de máis falar un pouco. Porque o mundo cambia —o dos vivos, e quen sabe se tamén o dos mortos!— e, aínda que agora haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde pode aparecer algo…
E a tarde rematará cun bo chocolate e bola para compartir entre todos os asistentes.
«Agardamos contar coa vosa presenza para celebrar xuntos o Samaín con medo e humor a partes iguais», expresa a Asociación Cultural Apelón Educación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
