Mugardos avanza no proxecto da nova biblioteca no antigo cine Zárate

O alcalde de Mugardos, acompañado do redactor do proxecto e da arquitecta municipal, mantivo o pasado xoves unha reunión de traballo cos técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia para ultimar os detalles do proxecto de rehabilitación do antigo cinema Zárate, que acollerá a futura biblioteca municipal.

Esta reunión é un paso clave para a aprobación definitiva do proxecto, xa que permite asegurar que a actuación cumpre con todos os requisitos técnicos e de conservación patrimonial esixidos pola Xunta, condición necesaria para a posterior obtención dos permisos e licenzas de obra.

O goberno municipal de Mugardos leva meses traballando de forma intensa neste proxecto, co obxectivo de recuperar un edificio histórico do centro da vila e convertelo nun espazo moderno, accesible e aberto a toda a cidadanía. Unha vez que o proxecto reciba o visto e prace definitivo por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, o Concello procederá a preparar a licitación da obra, paso previo á súa execución.

O contrato para a redacción do proxecto foi adxudicado por un importe de 45.000€, e o orzamento estimado próximo ao millón de euros. Ademais, o financiamento tanto da redacción do proxecto como da execución da obra, logrouse grazas a un acordo de colaboración entre o Concello de Mugardos e a empresa REGANOSA.

O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Juan Domingo de Deus, subliñou a relevancia deste avance: “Esta reunión é vital para que a nova biblioteca sexa unha realidade. Levamos meses traballando de xeito conxunto cos técnicos para sacar adiante un proxecto rigoroso, que respecte o patrimonio e que, ao mesmo tempo, responda ás necesidades culturais e educativas de Mugardos”.

De Deus lembrou que o obxectivo é “transformar o antigo cinema Zárate nun referente cultural para o municipio e devolverlle vida ao corazón do pobo”. O goberno municipal reitera o seu compromiso coa recuperación e posta en valor do patrimonio local, e confía en poder iniciar a licitación nas próximas semanas para que as obras comecen canto antes.

Lea también

La oficina móvil de la Xunta visita Mugardos para informar sobre el programa RETORNO

El Concello de Mugardos recibió recientemente la visita de la oficina móvil de la Xunta …