Portos de Galicia inicia as obras de reforzo do abrigo do peirao de Barallobre, en Fene

O presidente do ente público visitou a dársena e informou á confraría da nova licitación da estabilización do noiro da zona traseira da lonxa e das previsións de comezo da dragaxe neste verán.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comezou as obras de reforzo do abrigo do peirao de Barallobre, no municipio coruñés de Fene, nas que investirá 900.000 euros. Así o comunicou este xoves o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, nunha visita á dársena na que estivo acompañado do patrón maior e representantes municipais.

O presidente do ente público lembrou que esta actuación, que acaba de iniciarse en fábrica, tramitouse por procedemento de emerxencia tras os danos producidos polo tren de borrascas de xaneiro e febreiro para evitar riscos sobre os usuarios, a frota e os servizos do porto. Logo dunha inspección exhaustiva do total da estrutura existente ata o momento e afectada polos temporais, procederase agora á instalación dun dique flotante con elementos de formigón para maior resistencia e garantía a longo prazo. Ademais repararanse as instalacións de abrigo que rexistraron tamén desperfectos.

Durante a súa visita ao porto de Barallobre, José Antonio Álvarez informou, ademais, da nova licitación das obras de estabilización do noiro da zona traseira da lonxa, despois de que o anterior concurso quedase deserto. Nesta ocasión os traballos saíron a licitación cun orzamento base de 290.000 euros, máis de 100.000 euros con respecto á anterior. As obras permitirán aumentar o espazo no perímetro da lonxa creando unha zona circundante de paso con mellores condicións de seguridade para persoal e maquinaria.

Recuperar calado
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público ten xa contratada a dragaxe do porto cun orzamento de 140.000 euros. O inicio das obras está previsto para o verán, coas condicións climatolóxicas máis favorables. En total, o investimento do ente público nas melloras portuarias de Barallobre superará os 1,1 millóns de euros.

Lea también

César Pita,actual coordinador de inspección marítima de Ferrol, será el nuevo capitán marítimo al cesar por jubilación Ángel del Real

La Dirección General de la Marina Mercante, del Ministerio de Transportes, procederá al nombramiento de …