Ana Pontón defende un compromiso e proxecto político ambicioso do BNG para Ferrol

Propostas: construción naval civil en Navantia, recuperar a ría como sector produtivo e centro de I+D+i de almacenamento de enerxía na comarca. Aposta pola mellora da mobilidade, particularmente do ferrocarril, no que exemplifica a discriminación que sofre a cidade por parte das forzas estatais. Defende poñer a disposición das veciñas as vivenda públicas que a Xunta ten pechadas en Caranza e avoga por rehabilitar Ferrol Vello.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no encontro informativo ‘Conversas no Parador’ organizado polo Club de Prensa de Ferrol, no que avogou por “confiar nas posibilidades” que ten a cidade, unha urbe con futuro que o que necesita é “pensar en grande, con ambición, compromiso e confianza” nas súas potencialidades que “é precisamente o que ten o BNG”.

Pontón afondou na súa intervención no ambicioso proxecto político que ten o Bloque para que Ferrol recupere o lugar que lle corresponde, xa que ten un gran potencial tanto na industria como no ámbito enerxético, unha ría que “ten que ser un dos grandes motores económicos da comarca”, unha arquitectura singular e única no País e un espazo natural extraordinario.

Neste contexto, a líder nacionalista incidiu en primeiro lugar na aposta do BNG por mellorar a mobilidade, particularmente do ferrocarril, no que exemplificou a discriminación que soporta a cidade por parte das forzas estatais desde hai décadas.

Bo exemplo disto é a declaración institucional aprobada polo Foro do Ferrocarril co respaldo unánime de todas as organizacións políticas tanto na cidade como en Galiza, pero que, sen embargo, cando chega a Madrid, onde se teñen que aprobar as reclamacións do Foro, neste caso o Partido Socialista intenta “descafeinar” a proposta, un “guión da discriminación” -advertiu- que sería exactamente o mesmo co PP, que xa gobernou no Estado durante moitos anos e lle deu o mesmo trato a Ferrol.

A líder nacionalista reprobou que a cidade non teña un servicio ferroviario nin do século XX, cunhas frecuencias e distancias que non son admisibles para unha área da envergadura de Ferrolterra, cunhas comunicacións deficientes cara á Coruña e na conexión co Eixo Atlántico. A isto sumou que se estea deixando morrer o FEVE, cando noutras comunidades como Asturias funciona como un elemento que articula a mobilidade.

“Esta cidade non é que non teña posibilidades, é que se lle están poñendo paus nas rodas porque non se está investindo na modernización dunhas vías que son imprescindibles para deseñar a comunicación e o futuro desta comarca”, criticou, para avanzar a continuación que o BNG vai seguir acompañando á cidade até conseguir que Ferrol teña un ferrocarril do século XXI, cun tren de proximidade coa Coruña e cunhas conexións a través do FEVE que permitan articular toda a mobilidade ferroviaria. Nesta liña, avanzou que o Bloque non só vai reclamar ao Estado que actúe, senón tamén que a Xunta reclame as competencias para poder contar co servizo de tren que merece a cidade e o conxunto do País.

Pontón tamén afondou nas propostas nacionalistas en materia industrial, logo de reprochar as promesas incumpridas neste ámbito ao longo dos últimos anos, como o anuncio de Núñez Feijóo para a construción de barcos quimiqueiros con Pemex que acabou convertido nun “fiasco” e coa cúpula da multinacional imputada por unha operación “que ten moitas sombras”.

En relación ao sector naval, apostou por recuperar a construción naval civil como defende o BNG desde hai anos, fronte a un tándem Partido Popular-Partido Socialista que actúan “para que nada se mova, aínda que sexa a costa de facer perder oportunidades a Ferrolterra”.

Por iso, defendeu neste punto dotar a Navantia dun dique cuberto para a construción e reparación e a posta en marcha dun complexo integral de construción. “Temos espazo, temos persoal cualificado, temos infraestruturas e o único que falta é compromiso político para levar a cabo o que sería unha auténtica diversificación industrial para esta comarca”, sintetizou.

Neste sentido, tamén avogou por aproveitar a experiencia que ten Ferrolterra no ámbito enerxético e afrontar unha transición enerxética realmente xusta con novos proxectos, para o que apostou por instalar nas Pontes un centro de I+D+i para a xestión e almacenamento de enerxía, un ámbito de futuro que xa están aproveitando outras comunidades, sen que a Xunta “mova ficha” para poder aproveitar esta oportunidade.

Tamén co obxectivo de reactivar a economía de Ferrol, Pontón puxo o foco na recuperación da ría como sector produtivo, dado que na actualidade “directamente se está tirando ao lixo unha riqueza natural que podía xerar miles de postos de traballo como pasa noutras rías do País”, e reclamou un compromiso real por parte do Goberno de Alfonso Rueda para a súa rexeneración integral porque, advertiu, “con facer un estudo non chega”, en relación ao estudo que a Xunta encargou á USC para coñecer a situación dos sedimentos da ría.

Ademais das infraestruturas e o emprego, tamén se referiu á necesidade de que a cidade conte cuns servizos públicos de calidade e libres de recortes e privatizacións, polo que reclamou o reforzo da atención primaria e a mellora das infraestruturas hospitalarias, e avogou por que a residencia de maiores construída pola Fundación Amancio Ortega sexa de xestión pública. “Pedimos que non se privatice a súa xestión porque a atención ás persoas maiores non pode converterse nun negocio”, explicou.

A líder nacionalista apuntou á vivenda como un dos problemas que precisan solucións urxentes, logo de 17 anos de goberno dun PP que “dinamitou a política social de vivenda”. “Nesta cidade vemos disparates como que teñamos a miles de persoas que non poden acceder a unha vivenda, pero a Xunta ten ducias delas baleiras no barrio de Caranza que mantén pechadas e abandonadas”, advertiu para avogar por poñer estas vivendas a disposición da veciñanza a prezos accesibles.

Nesta liña, tamén manifestou a súa preocupación pola especulación que se está producindo coa vivenda protexida, algo que afecta a todas as cidades, incluída Ferrol. “Nos próximos anos sabemos que se van desclasificar máis de 14.000 vivendas en Galiza e nós o que lle reclamamos á Xunta é que exerza o dereito que ten a compra preferente destas vivendas que se poñan á venda e a destine a alugueiro”, afondou.

No ámbito da vivenda, tamén se referiu ao barrio de Recimil, ao que cualificou como “unha xoia arquitectónica abandonada” que Concello e Xunta non son capaces de recuperar para que se converta noutro elemento máis de dinamización de vivenda pública.

“Hai todo un espazo que se podería rehabilitar dunha maneira rápida para destinar a vivenda protexida e eu o que me pregunto é por que non hai ese interese, cando ademais hai fondos da Unión Europea para destinalos a vivenda e é unha oportunidade que Ferrol non debería deixar pasar”, incidiu.

Un caso no que tamén se atopa Ferrol Vello xa que, afirmou, “está caendo a cachos cun PEPRI falido do Partido Popular”, que sigue demostrando a súa incapacidade para leva adiante a rehabilitación dun barrio esencial para a cidade que ten ademais un enorme valor arquitectónico.

“Desde logo, o BNG ten un compromiso claro de que se goberna este País, vai recuperar ese espazo urbano porque non podemos permitir que o corazón de Ferrol estea caendo a cachos desde hai tempo sen que as Administracións fagan nada”, subliñou.

Pontón puxo así en valor o proxecto do Bloque para devolverlle a confianza, o rumbo e o dinamismo a unha cidade que debe recuperar o lugar que lle corresponde. “Ferrol merece máis, merece moito máis”, concluíu.

Lea también

El PSOE de Ferrol denuncia el “silencio e desinterese” de Turismo ante el riesgo de perder 1,1 millones en San Felipe

El Grupo Municipal Socialista de Ferrol ha denunciado este miércoles la “incapacidade manifiesta” del gobierno …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *