Merca Queixo en Pontedeume bate récord de asistencia con máis de 15000 persoas

A segunda edición da feira consolida a de Pontedeume como unha cita de referencia para o sector queixeiro.

Merca Queixo pechou este pasado domingo a súa segunda edición con máis de 15.000 persoas asistentes contabilizadas durante a fin de semana segundo o balance da organización, e cun récord absoluto de asistencia respecto a edicións anteriores. A feira, celebrada os días 25 e 26 de abril na alameda de Raxoi, confirma así o seu crecemento como unha das citas gastronómicas con maior proxección arredor do queixo e dos produtores artesáns. 

Durante dúas xornadas, Pontedeume reuniu público, queixerías, profesionais e expertos nunha programación centrada na divulgación, a gastronomía, a cultura e o produto. A resposta de visitantes e produtores reforza o papel de Merca Queixo como punto de encontro para o sector queixeiro e como unha das datas máis relevantes do calendario anual do municipio. 

A feira combinou postos de venda e degustación con catas, showcookings, charlas, actividades infantís, actuacións musicais e propostas vinculadas á hostalaría local. O programa desenvolveuse en distintos espazos da vila, coa alameda de Raxoi como eixo principal, e permitiu achegar ao público a diversidade do queixo artesán, tanto galego como procedente doutros territorios. 

Un dos momentos destacados desta edición foi a celebración dunha cata especial arredor das catro denominacións de orixe protexidas galegas, coa presenza de representantes das súas direccións. A actividade permitiu poñer en valor a singularidade, a calidade e a diversidade dos queixos galegos con selo de orixe, reforzando o carácter divulgativo e profesional da feira. 

Merca Queixo contou tamén cunha vertente solidaria a través dunha poxa de queixos exclusivos, coa que se recadaron máis de 1.000 euros destinados á Asociación Española Contra o Cancro en Pontedeume. A iniciativa sumou a implicación de produtores, público e organización, e converteuse nun dos momentos máis especiais da programación. 

Desde o Concello de Pontedeume destácase especialmente a acollida desta segunda edición, que superou as previsións iniais e permitiu consolidar o evento tras a súa estrea en 2025. A organización subliña tamén a valoración positiva trasladada por queixerías, especialistas e asistentes, que sitúan Merca Queixo como unha feira con capacidade para seguir medrando dentro do calendario gastronómico nacional. 

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Ángela Piñeiro Carrera, agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta edición. 

“Queremos darlles as grazas ás queixerías, asistentes, patrocinadores e todas as persoas que colaboraron para que Merca Queixo volvese ser un éxito. A acollida foi extraordinaria e demostra que esta feira xa é unha das datas máis importantes do ano para Pontedeume”, sinalou Piñeiro. 

A edil destacou tamén o papel dos produtores e do público no crecemento da feira. “Merca Queixo naceu para poñer en valor o traballo dos produtores, a cultura do queixo e a capacidade de Pontedeume para acoller eventos que dinamizan a vila. Este ano demos un paso máis, e xa estamos traballando na próxima edición, que chegará con novas sorpresas e melloras para seguir medrando”, engadiu. 

O Concello quixo trasladar ademais o seu agradecemento ás entidades patrocinadoras e colaboradoras, entre elas a Deputación da Coruña, Leche Celta, UCOA, Campo Capela, Bico de Xeado e Floristería Olmo. 

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, subliñou que o balance desta segunda edición confirma a capacidade da feira para proxectar a vila e xerar actividade durante toda a fin de semana. 

“Merca Queixo é xa moito máis ca unha feira gastronómica. É unha cita que fala de Pontedeume, da nosa capacidade para atraer visitantes, dinamizar a hostalaría e o comercio local, e crear arredor do produto unha experiencia que queda na memoria da xente”, sinalou o rexedor. 

Fernández Piñeiro destacou ademais que o Concello seguirá traballando para consolidar o evento en próximas edicións: “O éxito deste ano obríganos tamén a ser ambiciosos. Superar as 15.000 persoas é unha responsabilidade e un estímulo para seguir mellorando, escoitar aos produtores e facer que Merca Queixo continúe medrando sen perder a súa esencia: o queixo, a calidade, a proximidade e Pontedeume como punto de encontro”. 

Tras o peche desta segunda edición, a organización xa traballa en Merca Queixo 2027, co obxectivo de incorporar novas propostas, mellorar a experiencia do público e seguir reforzando o papel de Pontedeume como punto de encontro para produtores, profesionais e amantes do queixo. 

Lea también

El ciclo Clásicos Inéditos proyecta ‘El susto’ este miércoles en el Torrente Ballester

El ciclo ‘Clásicos Inéditos en Versión Española’ regresa a Ferrol con una nueva cita cinematográfica. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *