As persoas que doen sangue ao longo da xornada do xoves 23 de abril recibirán como agasallo, pola súa participación, un libro e un punto de lectura, con motivo da conmemoración do Día do Libro.
Deste xeito, a Axencia de Doazón de Órganos, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, queren por en valor a contribución dos doantes que, cada día, posibilitan que os nosos hospitais podan levar a cabo unha parte importante do seu labor asistencial.
A iniciativa procura fomentar o solidario xesto da doazón de sangue, así como aumentar o interese pola literatura galega, un valor fundamental da nosa identidade cultural. As persoas que doen ao longo desta xornada, tanto nos locais de atención permanente ao doador de sangue das sete grandes cidades galegas como nas unidades móbiles, recibirán tamén un punto de lectura cunha mensaxe alusiva á importancia deste acto solidario.
Desprazamentos
Para facilitar o acceso á doazón, as unidades móbiles da ADOS estarán na xornada do xoves 23 de abril nas seguintes localizacións: barrio Ultramar (Ferrol), Carrefour Los Rosales e zona Cantón-Obelisco (A Coruña), Negreira, Campus Vida (Santiago), Sarria, barrio da Estación (Ourense), Barro, O Campo Lameiro, Salvaterra de Miño e barrio de Teis (Vigo).
A Axencia lembra que, cada día, os hospitais galegos precisan ao redor de 400 doazóns de sangue para desenvolver o seu labor asistencial. Nestas xornadas, convídase a participar a todos os doantes independentemente do seu grupo sanguíneo.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
