Fene acolle unha nova edición da Xuntanza de Palilleiras con máis de 300 participantes

O encontro reunirá 25 escola e 316 palilleiras de toda Galiza no pavillón A Xunqueira de San Valentín.

Archivo.-2025

O Concello de Fene celebra este sábado, 25 de abril, unha nova edición da xuntanza de palilleiras, unha cita xa consolidada que reunirá no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, a un total de 25 escolas e 316 palilleiras.

A actividade desenvolverase en horario de 10.30 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde, configurándose como un amplo espazo de encontro arredor do encaixe de palillos, pero tamén de outras técnicas artesanais como o bordado, a calceta ou o patchwork.

Ademais, a xornada complétase coa presenza de diferentes traballos artesanais, nun ambiente aberto e participativo que favorece a convivencia, o intercambio de coñecementos e a posta en valor destes oficios tradicionais.

Archivo.-2024

Un saber transmitido entre xeracións

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta xuntanza é unha mostra do valor que teñen as nosas tradicións e o traballo artesanal, que forma parte da nosa identidade colectiva”. A rexedora subliñou tamén que “eventos como este permiten manter vivo un saber que se transmite de xeración en xeración, ao tempo que xeran espazos de encontro e participación”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, puxo en valor a dimensión do evento, sinalando que “a participación de máis de 300 palilleiras e 25 escolas confirma o interese e a vitalidade desta actividade, que ademais contribúe a dinamizar a vida social e económica do concello”.

Desde o Concello de Fene anímase á veciñanza a achegarse ao pavillón da Xunqueira para coñecer de preto o traballo das palilleiras e desfrutar dunha xornada dedicada á tradición e á artesanía.

A actividade conta co apoio da Deputación da Coruña.

Lea también

César Pita,actual coordinador de inspección marítima de Ferrol, será el nuevo capitán marítimo al cesar por jubilación Ángel del Real

La Dirección General de la Marina Mercante, del Ministerio de Transportes, procederá al nombramiento de …